A DEPUTACIÓN SÚMASE Ó DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN



A fachada do Pazo Provincial está xa decorada con globos azuis e amarelos e, esta noite, tinguirase de azul para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down 

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a necesidade de visibilizar a Síndrome de Down e reivindicar o papel das persoas que conforman este colectivo na sociedade


A Deputación de Pontevedra sumouse hoxe, 21 de marzo, ó Día Mundial da Síndrome de Down, declarado por Nacións Unidas en novembro de 2011 como símbolo da trisomía do cromosoma 21 que se traduce na Síndrome de Down. Para elo, a fachada do Pazo Provincial da institución está decorada xa con globos azuis e amarelos e, esta noite, tinguirase de azul.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou esta ocasión para destacar a necesidade de visibilizar a Síndrome de Down entre a opinión pública así como reivindicar o papel das persoas que conforman este colectivo como cidadáns con dereito a unha vida en igualdade de condicións e oportunidades que o resto da sociedade.

Amais, tamén hoxe con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, a deputada delegada de cohesión social e xuventude, Digna Rosa Rivas, mantivo unha reunión coa Asociación de Síndrome de Down Xuntos Pontevedra. Neste encontro, a deputada amosou a total colaboración  da Deputación de Pontevedra para que a sociedade teña coñecemento do traballo que Down Xuntos leva a cabo para impulsar actuacións que melloren a condición de vida das persoas coa Síndrome de Down.