18/3/16

A ASOCIACIÓN DO CORPUS DE BUEU COMEZA A ORGANIZAR AS ALFOMBRAS E ANUNCIA NOVIDADES


A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu mantivo unha reunión no Centro Social cos colectivos, asociacións e veciños e veciñas da vila, para organizar o Corpus de Bueu 2016. Xa queda menos para a conta atrás e Carmen Santos, presidenta da asociación, quixo pedir a colaboración e participación do maior número de persoas. 
Nese sentido anunciou que a asociación ofrecerá axuda tanto no deseño, como nas plantillas, no fornecemento de materiais e incluso no desprazamento dos mesmos. Para as asociacións e colectivos anunciaron unha axuda de 150 euros por cada alfombra de 15 metros, e de 200 euros, para as de 20 metros, axuda económica que se incrementa un pouco con respecto a dos anos anteriores, e que será achegada coa colaboración do Concello de Bueu. 
Este ano, as alfombras vanse estender máis alá da festividade do Corpus e varias delegacións virán confeccionar varias alfombras o Día do Carme. En concreto, estarán representantes de San Valentín de Otorio (Italia), Redondela, Ponteareas, Castropol, Cela e Beluso).  Membros da asociación tamén van participar na elaboración dunha alfombra para o FICBUEU, e participarán así mesmo nun congreso de confrarías de Cangas.
Proximamente será anunciado o gañador/a do concurso de carteis do Corpus, e xa en abril serán as II Xornadas do Corpus, ademais de poñerse en marcha a exposición de fotos antigas. Neste sentido, a asociación agradece a achega de máis fotos antigas do Corpus buenense. 

O Corpus de Bueu está reflotando pois da man da asociación, quen está traballando actualmente, xunto a técnicos municipais, para que o Corpus de Bueu sexa recoñecido como festa de interese turístico de Galicia.