10/3/16

A AMTEGA ORGANIZA EN VIGO UNHA SESIÓN DEMOSTRADORA PARA DIXITALIZAR A XESTIÓN COMERCIAL DAS EMPRESAS CON SOFTWARE LIBRE

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organiza o día 15 de marzo a sesión demostradora “Xestión práctica das vendas dunha empresa comercial: Odoo Vendas” (https://cdtic.xunta.es/odoo-vendas-Vigo) que se impartirá na Aula CeMIT de Vigo en horario de 16.00 a 20.00 h. 

O obxectivo da xornada é mostrar cales son as vantaxes que ten a aplicación informática Odoo para a xestión integrada e completa en contornos globais (diferentes divisas, numerosos idiomas ou contorno multicompañía); da xestión da parte comercial e administrativa (contabilidade, vendas e facturación) e a xestión loxística da empresa (almacéns), coas vantaxes dunha aplicación de software libre (alta personalización e adaptación aos factores propios de cada empresa).

No transcurso da actividade presentaranse os módulos de Odoo para a xestión comercial, administrativa e loxística dunha empresa de compra e venda de produtos, explicarase o funcionamento básico e a configuración destes módulos e exporase un caso desta xestión e realizarase un exercicio práctico.

Este sesión está dirixida a empresas de compra-venda (tanto por xunto como polo miúdo) que utilizan diferentes canles (tradicional ou comercio electrónico) e que están interesadas en mellorar o tratamento dos datos xerados ao longo da súa actividade loxística e empresarial, coa finalidade de progresar na súa xestión diaria e de permitirlles aos órganos directivos unha mellor toma de decisións. A empresa Anubía Soluciones en la Nube será a encargada de impartir a sesión.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. 

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual
O CDTIC Virtual xa conta con catro solucións neste servizo: Owncloud, Xeshostal, Odoo e CiviCRM. A través do CDTIC Virtual, as empresas, organizacións ou cidadáns que o desexen poderán probar e avaliar estas aplicacións a través dun servizo na nube, durante un período inicial de 15 días e que poderá ser ampliado ata un mes.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego. 

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico. 


O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.