4/2/16

XUNTA E CONCELLOS DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO AVANZAN PARA LOGRAR UNHA PROPOSTA CONXUNTA PARA O TRANSPORTE

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiveron unha reunión cos 14 alcaldes dos concellos que forman parte da área metropolitana de Vigo para abordar a modificación da actual normativa en vigor e, máis especificamente, sobre a competencia do transporte metropolitano.

En declaracións aos medios ao termo da reunión, o vicepresidente explicou que a Xunta presentou no encontro a súa proposta “moi ambiciosa” para o transporte metropolitano, que pasa por unha xestión integral na que se inclúa tanto o urbano como o interurbano cuxo ámbito estea integramente dentro do territorio que forma a área. 

Rueda recordou que o propio Abel Caballero tiña proposto no seu día incluír o transporte urbano dentro do metropolitano, ao contrario do que está a manter agora. En canto ao Goberno galego, amosou a súa disposición a transferir todas aquelas liñas que transcorran integramente pola área, que poderían chegar a máis de 15 cando o ente supramunicipal se amplíe a máis concellos. 

A outra posibilidade, que defende o Concello de Vigo, pasa porque a área metropolitana xestione o transporte interurbano e que os concellos non cedan a parte urbana, quedando a coordinación en mans dun comité. Xunta e Concellos emprazáronse a estudar ambas propostas e tratar de lograr unha redacción do artigo da lei que satisfaga a todos. 

Finalmente, o vicepresidente valorou a disposición manifestada polo alcalde de Vigo a integrarse no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, algo que cualificou de “acertado”. A reunión de hoxe, que se prolongou por máis de tres horas e na que tamén estiveron o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, e o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, serviu para analizar case monograficamente a cuestión do transporte. 


Sobre outros temas, Rueda recordou que fallan aínda por pechar flocos na cuestión da gobernanza -onde a Xunta xa anunciou que aceptará a proposta de consenso á que cheguen os alcaldes- e tampouco está pechada a cuestión da participación da Deputación de Pontevedra na área.