XUNTA E CONCELLO DE VIGO INTENSIFICAN OS PASOS A DAR PARA A RECUPERACIÓN DA NORMALIDADE URBANÍSTICA DA CIDADE

Esta mañá tivo lugar un unha reunión de traballo dos membros da comisión de seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo para seguir avanzando na resolución definitiva dos proxectos de interese público clave para a cidade de Vigo, que onte quedaron desbloqueados tras a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto de Lei de medidas urxentes, e avaliar os avances do concello na tramitación que está a levar a cabo para contratar a redacción dun novo PXOM.

O encontro, que estivo presidido pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do subdirector de urbanismo, Eduardo Sobrino e de dous técnicos do seu departamento contou, en representación do concello de Vigo, coa asistencia da concelleira de urbanismo, María José Caride; o xerente de urbanismo, José Carlos Hernández Figueruelo; e dous técnicos municipais.
Rivas Díaz trasladou que o acordo de onte, polo que se aprobou o Proxecto de Lei de medidas en materia de urbanismo, achegará axilidade, eficacia e seguridade xurídica aos proxectos públicos urxentes e de excepcional interese público de Vigo e que prevé a súa entrada en vigor, aproximadamente no prazo dun mes, coincidindo de xeito harmonizado coa da nova Lei do Solo de Galicia.
Os representantes da administración local concretaron os tres proxectos que prevé priorizar pola vía da Lei de medidas urxentes: no Polígono de Balaídos, a ampliación das instalacións circunscritas ao Centro de Produción PSA Peugetot-Citroën; a Cidade da Xustiza; e a Estación intermodal. Asemade, consultaron diferentes aspectos da nova Lei do Solo que terán incidencia no novo PXOM e trasladaron que na actualidade están a rematar o prego de condicións que rexerá o concurso de contratación da redacción do documento do PXOM.

Rivas Díaz e o seu equipo reiteraron o ofrecemento da Xunta de colaborar e asesorar ao concello en todo o que precise, tal e como se fixo desde o primeiro momento, e mostrou o seu convencemento de que a aplicación da Lei de Medidas Urxentes, xunto coa redacción dun PXOM de futuro, constitúen o camiño para continuar co desenvolvemento da cidade e devolver a Vigo a normalidade urbanística que garante a súa  dinamización económica.