Xosé Leal, ponente de Cultura en Deputación : "non debemos perder de vista o carácter universal da obra de Castelao"

O deputado de Cultura e Lingua participou na presentación do libro sobre Castelao e a arte europea escrito polo artista e caricaturista Siro López
"No contexto do Ano Castelao e das efemérides relacionadas coa súa chegada a Pontevedra  e coa súa participación nas Irmandades da Fala, non debemos perder de vista o carácter universal da súa obra, tanto pola súa proxección internacional como pola transcendencia dos temas que aborda, como son a emigración, a guerra, a opresión ou a miseria" sinalou o deputado de Cultura e Lingua na presentación do libro 'Castelao en el arte europeo'. O libro, escrito polo xornalista e caricaturista Siro López, fai unha análise da obra literaria e artística de Castelao enmarcándoa no contexto europeo de comezos do século XX. A presentación, que tivo lugar no Salón de Actos do Sexto Edificio, contou coa presenza do propio autor, Siro López, da catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, Mª Victoria  Carballo-Calero, que foi a encargada de preparar a edición, e do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
A obra analiza tanto o Diario que Castelao escribiu en 1921 e que recolle a súa viaxe por Francia, Países Baixos e Alemaña, como a súa obra dos álbums de guerra 'Galicia mártir', 'Atila en Galicia' e 'Milicianos', e dos álbums 'Debuxos de negros, 'As cruces de pedra na Galiza', 'As cruces de pedra na Bretaña', 'Os dous de sempre' e 'Cousas'. O volume inclúe unha parte que aborda o estudo teórico das imaxes de xeito pormenorizado, razoado e crítico. Tamén recolle un apéndice de dous textos inéditos do autor 'Castelao y L'Assiette au Verre' e 'El concepto de impresionismo de la línea en Castelao', xunto cunha esmerada selección de imaxes, co obxeto de contribuír a unha perspectiva o máis completa posible sobre a gran impronta de Castelao nas artes e nas letras. 
A edición do libro levouse a cabo no marco do proxecto de ámbito estatal 'Castelao, Castelao. Obra gráfica. La construcción de un discurso estético, político y social (1910-1950)', do que Mª Victoria Carballo-Calero é investigadora principal. Conta, ademais, cun prólogo do profesor e historiador de arte, Valeriano Bozal.

Siro López, que asegurou que esta obra é o froito de 40 anos de traballo, reivindicou a necesidade de dar a coñecer a Castelao fóra de Galiza, ao que cualificou como "un artista dotado dun talento pouco común e con acertos extraordinarios na súa obra e na súa traxectoria".