Última hora : O CORREDOR DO MORRAZO, EN SENTIDO CANGAS, CONTINUARÁ PECHADO ATA O REMATE DAS ACTUACIÓNS QUE SE ESTÁN A EXECUTAR PARA GARANTIR A SEGURIDADE



  • As chuvias desta tarde de sábado produciron pequenos desprendementos do noiro, polo que técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas continúan traballando para restablecer a circulación neste treito o antes posible
  • Un total de tres camións e unha retroescavadora traballaron para despexar a calzada e instalar unhas barreiras no noiro
  • A Axencia Galega de Infraestruturas tamén se coordinou coa Consellería do Mar para a colocación dunhas barreiras na liña litoral co fin de evitar que posibles vertidos poidan chegar ao mar
 A Xunta manterá pechado ao tráfico o Corredor do Morrazo, en sentido Cangas, ata que se rematen as actuacións que se están a executar dende onte para garantir a seguridade nesta vía.

O restablecemento da circulación por este treito, entre os PK 0 e 3 do corredor, estaba prevista para finais do día de hoxe, pero as fortes chuvias desta tarde produciron pequenos desprendementos do noiro na zona. Neste sentido, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas continúan traballando para resolver este problema o antes posible.
No día de hoxe están a traballar un total de tres camións e unha retroescavadora, que xa despexaron a calzada. Continúan coa instalación de barreiras no noiro para evitar a acumulación de auga e novos desprendementos.
A Axencia Galega de Infraestruturas tamén se coordinou coa Consellería do Mar para a colocación dunhas barreiras na liña litoral co fin de evitar que posibles vertidos poidan chegar ao mar.
Na primeira imaxe amósase a barreira instalada na zona do noiro desprendido e na segunda apréciase a calzada despexada tras os traballos realizados.