ROSA QUINTANA REIVINDICA A IMPORTANCIA DOS DATOS SOCIECONÓMICOS NA XESTIÓN MARÍTIMO-PESQUEIRA

Rosa Quintana
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou  cun relatorio na conferencia internacional Asesoramento Económico na Gobernanza Pesqueira: un diálogo a tres bandas entre ciencia, administración e sector. Durante a súa intervención, Rosa Quintana, reivindicou a importancia dos datos socieconómicos na xestión marítimo-pesqueira e subliñou a “vital importancia” que ten para Galicia a dimensión social e económica das pesquerías, ademais da ambiental. 

A titular de Mar explicou que ata o de agora “non houbo suficiente atención a estas dúas dimensións” e que o protagonismo o levaba sempre a dimensión ambiental. Por iso, dixo, na reforma da Política Pesqueira Común, Galicia apostou por integrar os aspectos ambiental, social e económico das pesquerías. Este aspecto logrouse e “é un dos que aplaudimos”, lembrou. Engadiu ademais que Galicia tamén aplaudiu a dotación económica que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca fai para a recollida de datos e a formulación do regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre o establecemento dun marco da Unión Europea para a compilación, xestión e uso dos datos do sector pesqueiro e o apoio ao asesoramento científico en relación coa política pesqueira común.

Rosa Quintana valorou a importancia de contar con bos datos para a toma de decisións e destacou o esforzo da Xunta para a súa recollida e análise. Neste sentido, advertiu que é clave recollelos, pero sen interromper a actividade da frota e dos pescadores e sen engadirlles máis burocracia. Ademais sinalou que tamén é importante axilizar a súa sistematización e análise “para que as decisións dispoñan da mellor e máis actualizada información”. 

Aplicación, obtención e análise
Na súa intervención a titular de Mar tamén valorou a aplicación dos datos socioeconómicos do eido marítimo-pesqueiro en competencias da administración autonómica como a xestión pesqueira en augas interiores, “especialmente para determinar os plans de recuperación ou xestión de especies e para verificar os resultados das medidas”. Tamén na xestión pesqueira de augas exteriores ou internacionais. Neste eido puxo exemplos de casos nos que a Xunta aportou datos para a defensa de decisións, como o impacto socioeconómico de 40 millóns de euros de perdas que tivo a redución do 93% da cota de lirio no 2011. 

Para a obtención deste tipo de datos, explicou Rosa Quintana, a administración galega desenvolveu dende o 1997 “unha ampla estrutura de recolección e ordenación en diferentes ámbitos”. Indicou que a través da Unidade Técnica de Pesca e Baixura a Consellería do Mar recolle datos de emprego de artes, zonas de traballo e rendementos pesqueiros e marisqueiros. Ademais os datos de usos de artes, de embarcacións en activo, movementos entre portos, permisos de marisqueo e volume de descargas en lonxas e facturación son recollidos polo Servizo de Análise e Rexistros da Consellería. 

Por outra banda, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) encárgase de compilar referencias sobre o estado de calidade das augas, sobre todo no relativo aos niveis de biotoxinas e segundo isto a posibilidade de traballo. Todo isto, compleméntase “falando directamente co sector” e analízase a través dos servizos da Consellería do Mar, equipos especializados das universidades e fundacións público-privadas. Ademais citou como ferramenta clave para a difusión pública de datos a páxina web http://www.pescadegalicia.gal/.


A conselleira foi invitada a participar nesta conferencia internacional pola dirección xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea (DG Mare). Este evento, organizado pola Comisión Europea en colaboración coa Asociación Europea de Economistas Pesqueiros e a Universidade de Malta, que tivo lugar onte e tamén hoxe aborda cuestións relativas ao asesoramento económico empregado na xestión eficaz da pesca e tamén analiza o desenvolvemento socio-económico da pesca a nivel mundial.