11/2/16

ROSA QUINTANA INSISTE EN QUE A LEI DE ACUICULTURA “É UN BORRADOR, QUE NON ESTÁ EN NINGÚN TRÁMITE LEXISLATIVO, QUE TODO O SEU CONTIDO É SUSCEPTIBLE DE CAMBIO” E PIDE QUE SE DEIXE DE MANIPULAR AO SECTOR

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou no Parlamento que o anteproxecto de lei de acuicultura “é un borrador que non se pode retirar porque non está en ningún trámite lexislativo e todo o seu contido é susceptible de cambio, sen liñas vermellas”, sentenciou. Neste sentido, reiterou que o Goberno “non aprobará unha lei de acuicultura sen ter o respaldo do sector e mentres os profesionais non vexan que a norma nace precisamente para apoialos”. 

Rosa Quintana
A titular de Mar pediu “que non se trate de enganar ao sector” e explicou que “o borrador está parado, tal e como nos solicitaron moitos dos que agora piden retiralo”. Sinalou ademais que descoñece “o motivo que os leva a pedir a retirada deste texto, xa que isto “impediría sentarse e plasmar o diálogo e consenso que pedía unha parte do sector”. Neste sentido, valorou a importancia da norma como “unha ferramenta para encher moitos ocos legais que poden dar ao traste co futuro da nosa actividade acuícola”.

A conselleira amosou ao representante de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que formulou a interpelación sobre este tema a súa sorpresa dado que “non preguntaron por moitos aspectos desta lei polos que puideran ter dúbidas ou inquedanzas, e si polo camiño político da mesma”. Así, Rosa Quintana lamentou que “non ofreza información correcta e verídica, e que esqueza o rigor e a corrección na mensaxe”. 
Aclaración de contidos
Nesta liña, e deixando claro que prefire “antepoñer o sector á política” a conselleira clarificou diferentes cuestións relativas aos contidos do borrador. Especificou que o anteproxecto “non contempla retirar as axudas ás mariscadoras” e que “co novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e accedendo ao estatus de acuicultoras, poderían ter acceso a máis axudas”. Neste eido incidiu unha vez máis que a posibilidade que prevé este borrador da conversión do marisqueo en acuicultura é “absolutamente voluntaria, reversible e mantén a estrutura colectiva da actividade”. 


Engadiu ademais que o borrador de texto da normativa non impón unha acuicultura multitrófica (aquela que combina diferentes especies) “como facía vostede hai dous anos”, reprochou a conselleira ao deputado de AGE. Neste sentido, a conselleira criticouno por falar dende o descoñecemento, xa que “pretende defender as especies herbívoras” e aquí cabe ter en conta que “esas especies que vostede pretende cultivar son a carpa, a tilapia ou o panga, alleas a estas augas, ao contrario do rodaballo, o linguado ou a troita”.