OUTROS TRES CONCELLOS SÚMANSE AO "PLAN COMPOST REVITALIZA" DA DEPUTACIÓN

O Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra sigue sumando concellos. No día de hoxe a institución provincial recibiu tres novos proxectos dos municipios de Lalín, Ponteareas e Sanxenxo para a instalación de cinco centros de compostaxe comunitaria que foran presentadas dentro do prazo oficial nas oficinas periféricas do ORAL. Deste xeito, o novo programa provincial para o tratamento de residuos acada xa 23 participantes que apostan por unha nova forma de xestionar o lixo orgánico que permite melloras ambientais e un aforro substancial dos custes municipais do servizo. 
As novas incorporacións súmanse ao listado conformado por Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados,Cangas, Gondomar, Illa de Arousa, Moaña, Nigrán, O Grove, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, que xa calificara o pasado venres de “sumamente positiva” a ampla resposta dos concellos da provincia manifestou hoxe a súa satisfacción ao comprobar que a cifra aumentara, o que respalda á Deputación de Pontevedra a seguir traballando no proxecto. Mosquera lembrou que a institución provincial está apostando pola compostaxe como forma de xestión para dar alternativas aos concellos, que ven que o tratamento do lixo supón un desembolso económico moi importante que impide o desenvolvemento de outras iniciativas municipais. De feito, sinalou que a maior parte dos concellos da provincia apenas cubren unha terceira parte do custe real do servizo (preto de 200 euros) coas taxas que pagan os cidadáns. “O tratamento do lixo tal e como o concebimos hoxe non é sostible, polo que é preciso buscar solución”, confirmou o vicepresidente, que indicou que  a compostaxe servirá para tratar o 40% dos residuos que xera cada fogar (a parte orgánica formada por restos de comida e vexetais) evitando os custes de recollida e de transporte a calquera planta de tratamento, así como a tarifa de 81 euros por tonelada que aplica Sogama a día de hoxe. Mosquera tamén lembrou que ademais dos beneficios económicos e ambientais da compostaxe, a aplicación do novo sistema de tratamento do lixo servirá para cumprir a normativa europea en materia de residuos. Esta normativa establece que neste ano 2016 os concellos deben reutilizar ou preparar para a reciclaxe o 50% dos seus residuos, se ben hai unha prórroga de catro anos (ata 2020) para cumprir coas esixencias. Nestes momentos a cifra de reutilización e reciclaxe está moi por debaixo deses requerimentos da Unión Europea, o que levaría aos municipios a facer fronte a posibles sancións. 

Esixencias da normativa europea
Os alumnos da ‘Facultade da Compostaxe’ que se están a preparar para ser mestras e mestres composteiros cunha bolsa da Deputación de Pontevedra están a coñecer a lexislación en materia de residuos no módulo formativo desta semana. En canto ás esixencias da normativa europea ás que fai referencia o vicepresidente Mosquera, mañá venres falará o director da rede europea ‘Zero Waste Europe’ ubicada en Bruxelas, Joan Marc Simón.

Economista de formación, especializado en relacións internacionais e sustentabilidade, conta con dez anos de experiencia na xestión de residuos a nivel europeo. Colaborou na redacción de plans de residuos a nivel local e participou na creación de novos modelos de negocio en base ao residuo cero. A organización que dirixe está dedicada a promover prácticas residuo cero en todo o continente e influenciar a toma de decisións europeas no campo da xestión de residuos.