Oferta de Emprego Público (OEP) da Xunta de Galicia para 2016 incluirá un total de 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou que a Oferta de Emprego Público (OEP) da Xunta de Galicia para 2016 incluirá no eido da Administración xeral un total de 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade. Ademais, dentro delas haberá 12 prazas para a discapacidade intelectual, que se unirán a outras 17 que ofertará o Servizo Galego de Saúde, o que suma un total de 29.

O titular de Facenda, que presidiu hoxe en Santiago o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega, explicou que a Xunta na oferta de emprego público de 2015 reservou por primeira vez prazas para a discapacidade intelectual, e avanzou que na OEP de 2016 duplicará esta oferta. Así, no eido da Administración xeral ofertáronse 6 prazas en 2015 e este ano aumentaranse a 12. 

Ademais, a estas 12 prazas de Administración xeral hai que sumar outras 17 prazas de celadores que serán ofertadas polo Servizo Galego de Saúde, que ten previsto convocar un proceso independente para este colectivo.

Na reunión do Consello Asesor, o conselleiro de Facenda tamén confirmou que neste mes de febreiro convocaranse as primeiras oposicións para que persoas con discapacidade intelectual poidan ser empregados públicos da Xunta. Os exames desta convocatoria realizaranse ao longo do ano, e na preparación deste proceso a Xunta conta co apoio das asociacións Down Galicia e Fademga.

Máis funcionarios con discapacidade
A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.

As administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade. Neste sentido, a oferta de emprego para 2016 reservará o 8,1% das prazas de acceso libre e o 7,8% das prazas de promoción interna para a discapacidade, superando a cota legal do 7%.

Neste sentido, a presenza de traballadores con discapacidade na Administración galega está a aumentar progresivamente. Pese a que o obxectivo está situado no 2%, na actualidade xa está superado no eido da Administración xeral (4,05%), no de Sergas (4,17%), na Administración de Xustiza (2,67%) e no persoal funcionario de carreira de Educación (2,06%). 


A finalidade do Consello Asesor é a de estudar e promover as iniciativas que se desenvolven para acadar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración Pública galega. Deste órgano forman parte representantes da Administración, das organizacións sindicais e de colectivos da discapacidade.