O VALOR ECONÓMICO DAS VENDAS DE PEIXE E MARISCO NO 2015 É O MÁIS ALTO DOS ÚLTIMOS CATRO ANOS E ACADOU OS 457 MILLÓNS DE EUROS

O valor económico das vendas de peixe e marisco no 2015 é o máis alto dende o 2012 e acadou os 457 millóns de euros. Este dato extráese dun informe que avanza resultados das vendas realizadas nas lonxas galegas o ano pasado e que foi presentado hoxe no Consello da Xunta.

Esta facturación obtida o ano pasado é case un 6% superior á rexistrada no 2014 e correspóndese coa cantidade de 180.300 toneladas de peixe e marisco. Segundo explica o informe, este incremento débese ao bo comportamento das vendas de peixes e bivalvos. De feito, o grupo dos peixes é o que ten maior peso na facturación total de vendas das lonxas e representa máis dun 77%. Séguelle o grupo dos bivalvos cun 14%.

Atendendo á distribución xeográfica das vendas, o informe sinala que as lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro concentran preto do 80% da cantidade total vendida e preto do 75% do importe total xerado polas vendas. No grupo de moluscos bivalvos como a ameixa ou o berberecho, entre outros, destacan as lonxas da zona de Arousa e as da zona de Muros.

En canto ás especies, o ano pasado a principal en termos de facturación foi a pescada e supuxo o 37% no total das vendas cun importe de máis de 131 millóns de euros, que se corresponde cunha cantidade vendida de 32.500 toneladas. Case o 70% do total vendido desta especie nas rulas galegas procede das lonxas de Burela e Celeiro.

A segunda especie que rexistrou maior facturación nas lonxas galegas foi o peixe sapo, con vendas que superaron os 43 millóns de euros e segundo especifica o informe, preto do 80% do importe total obtívose na lonxa de Vigo. Outra especie que destaca a nivel de facturación é a ameixa xaponesa, da que o ano pasado se venderon nas lonxas máis de 1.800 toneladas por importe de 13,6 millóns de euros. Tamén o berberecho, cunhas vendas que ascenderon a máis de 2.600 toneladas e 13,4 millóns de euros e o polbo, con máis de 1.700 toneladas vendidas por valor de máis de 10 millóns de euros.

Os datos deste informe son provisionais e proceden das notas de venda emitidas nas lonxas galegas, información que transmiten diariamente á Consellería do Mar e que se publica na Plataforma Tecnolóxica da Pesca da web www.pescadegalicia.gal. Os definitivos publicaranse no Anuario de Pesca que estará dispoñible neste espazo web. 




OS TEMPORAIS CAUSARON DANOS NAS INFRAESTRUTURAS PORTUARIAS  POR IMPORTE DE MÁIS DE 768.000 EUROS NO QUE VAI DE ANO EN GALICIA
  • Portos de Galicia contabilizou un total de 75 incidencias por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos, das cales 4 delas están atendidas, 19 en execución e o resto están seguindo os trámites preceptivos habituais que se realizan antes do inicio dos traballos de reparación
  • O ente público fixo unha primeira avaliación dos danos producidos para proceder á súa reparación o antes posible e en canto as condicións climatolóxicas o permitan
Os temporais causaron danos nas infraestruturas portuarias por importe de 768.482 euros desde comezos de ano en Galicia. Así o reflicte o informe presentado hoxe no Consello da Xunta, no que se amosa unha primeira avaliación dos danos producidos nos peiraos feita polo ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar. 

Neste sentido, o ente público rexistrou un total de 75 incidencias por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos que afectaron á nosa comunidade desde o comezo do ano. Do total destas incidencias, 4 delas están atendidas, 19 en execución e o resto están seguindo os trámites preceptivos habituais que se realizan antes do inicio dos traballos. O ente público procederá a executar as reparacións de todos os danos producidos o antes posible e en canto as condicións climatolóxicas o permitan.

Do total das incidencias, 35 rexistráronse na zona comprendida entre Pontedeume e Rianxo, por un valor de 350.668 euros, 27 foron na zona que vai de Pontecesures ata Tui por valor de 156.636 euros e 11 producíronse na zona de Ribadeo ata Ares valoradas en 245.218 euros. Tamén se contabilizaron outras 2 incidencias relacionadas cos balizamentos por un importe de 15.960 euros.

Atendendo ao caso concreto dos temporais que afectaron á nosa comunidade o pasado luns 8 e martes 9 de febreiro, Portos de Galicia rexistrou 9 incidencias nos portos de Fisterra, Laxe, Camelle, Celeiro, Cariño, Foz e San Cibrao. O valor económico destes desperfectos  sitúase arredor dos 87.000 euros.
As incidencias rexistradas, na súa maioría leves, están relacionadas con roturas de pantaláns, brazos de amarre, desprendementos de fingers, traslados de area, desprazamentos de bloques de formigón e pequenas reparacións e limpezas.