O PLAN DE SEGURIDADE VIARIA 2016-2020 DE GALICIA CONTARÁ CUN ORZAMENTO SUPERIOR AOS 300M€

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para este mesmo ano consignan unha partida de máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, que prevé reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao ano 2011 e un investimento próximo aos 300 millóns de euros durante a súa vixencia.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que hoxe deu o visto e prace a este documento, Feijóo explicou que o Plan de seguridade viaria 2016-2020 apóiase en cinco piares que son: optimizar a xestión da seguridade viaria, acadar vías de tránsito e mobilidade máis seguras, apostar por vehículos máis seguros, mellorar a resposta tras un accidente, e traballar para achegar maior seguridade aos usuarios destas vías. 

Reforzar a seguridade dos peóns e ciclistas
Ao respecto, apuntou que o plan aumenta a atención especialmente sobre os usuarios máis vulnerables, peóns e ciclistas. E para iso, dixo, propón medidas específicas para nenos, persoas maiores e mesmo peregrinos que estean a realizar o Camiño de Santiago.
Así mesmo, indicou que a Xunta vai acometer actuacións concretas nas vías de titularidade autonómica para a execución, por exemplo, de cunetas de seguridade, para a colocación de barreiras e sistemas de protección de motoristas, e na protección de salvacunetas. E, xunto con isto, mencionou que este mesmo ano porase en marcha unha campaña de educación e sensibilización para reforzar a seguridade dos peóns e aumentar a súa visibilidade.

Feijóo destacou que este novo plan dá continuidade ao anterior, relativo ao período 2011-2015, e salientou que foi elaborado cunha alta participación, posto que foi tratado na Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria —onde están as tres administracións e a Garda Civil de Tráfico—, e contou coa implicación das distintas consellerías e coa participación de diferentes axentes sociais. É o caso de vítimas de accidentes, usuarios de estradas, autoescolas, aseguradoras, ciclistas e motoristas, peregrinos, enxeñeiros, fabricantes de vehículos ou representantes de centros médicos e psicotécnicos.