16/2/16

O "PLAN COMPOST REVITALIZA", DA DEPUTACIÓN, ELEXIDO POLA COMISIÓN EUROPEA COMO EXPERIENCIA RELEVANTE DE COMPOSTAXE

O Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra ven de ser proposto pola Comisión Europea como experiencia relevante de compostaxe na UE. Os datos deste programa provincial posto a andar polo vicepresidente César Mosquera serán publicados no boletín da Oficina Europea de Estatística, coñecido como Eurostat, e poderán ser consultados dende os 27 países membros. 
O propio vicepresidente explicou hoxe que o motivo da selección debeuse a que a CE precisa información de proxectos reais que sexan alternativa ao tratamento de residuos obrigado por normativa. “O Plan Compost é a primeira experiencia europea das súas características. Moitos plans non teñen o volumen e a importancia requeridas pola Comisión Europea, pero nós agardamos chegar a unhas 250.000 persoas en catro anos, un cuarto da poboación da provincia. O noso procedemento está resultando modélico, un referente e un foco ao que van poder mirar outras localidades”, subliñou Mosquera.
O asesor provincial en materia de residuos, Carlos Pérez, asegurou pola súa banda que logo da proposta da Comisión Europea, a denominación do Plan Compost como experiencia relevante  debe ser aprobada polo Parlamento europeo. Posteriormente o boletín de estatística da UE irá dando a coñecer a información subministrada dende a Deputación de Pontevedra sobre como se está a aplicar a compostaxe nos concellos da provincia: o seu éxito, a súa continuidade ou o seu respaldo social, entre outros aspectos. “Trátase de facer públicos os datos de xeito sistemático, reglado e trazable. É un reto para nós porque os requerimentos da UE para publicar en Eurostat son moi esixentes, o que nos ‘porá as pilas’ máis no noso traballo”, apuntou Pérez. 
Compostaxe de algas
O vicepresidente provincial tamén anunciou onte a aposta da Deputación de Pontevedra pola compostaxe de algas. Sinalou que varias confrarías da ría participarán nas conferencias da ‘Facultade de Compostaxe’ para expoñer o traballo que están facendo puntualmente neste sentido. De feito, Mosquera apuntou que o problema da compostaxe de algas, a día de hoxe, é que non está ordenado, polo que hai moito traballo de soporte técnico-loxístico e asesoramento por facer.  “Parécenos interesante actuar neste sentido, xa que non hai nada dende a Xunta nen outras administración. Os concellos de Poio e Pontevedra levaban as algas das Praia a Ecocelta, que producía un compost de alta calidade, pero pouco máis”, explicou o nacionalista.
Neste sentido, Carlos Pérez, explicou que o sector marisqueiro é fundamental para a economía galega e a presenza de algas nos bancos pode suponer perdas económicas importantes cando produce mortandade das larvas. “Antes abonábase a terra coas algas. Era algo habitual e perdeuse. Hai que recuperar ese coñecemento para que se faga ben e con continuidade, non de xeito puntual, porque as algas están moi asociadas á inquietude que xorde no verán no sector turístico, pero aquí inflúe máis no sector marisqueiro, que está a sufrir especies invasoras”, subliñou o técnico. 
Máis semanas na ‘Facultade da Compostaxe’
En canto á Facultade da Compostaxe na que se están a formar os mestres e mestras composteiros que se encargarán dos centros de compostaxe comunitarios (CCC) que a Deputación repartirá entre os concellos, o vicepresidente Mosquera explicou que se prolongarán dúas semanas máis. Esta ampliación débese a que se quere analizar todo o proceso práctico da compostaxe nos composteiros dináminco e estático que se instalaron en Príncipe Felipe. Esas últimas semanas serán cruciais para que os alumnos vexan os resultados e poidan facer as análises técnicas que lles dean a experiencia que aplicar posteriormente. “Queremos que saian expertos curtidos e experimentados que se responsabilicen do seu traballo”, subliñou. 

Para explicar o módulo de formación desta semana na ‘Facultade de Compostaxe’ falou tamén no día de hoxe o investigador e asesor Ramón Plana, responsable da coordinación das clases. Plana destacou o alto nivel de formación que están a recibir os alumnos formados pola Deputación non só dende o punto de vista teórico, con ponentes de gran nivel, senón tamén dende o punto de vista práctico. “A compostaxe non só se aprende nos libros, hai que ver na práctica os problemas e capacidades. Non existe nada deste estilo en todo o estado e dende o punto de vista dos alumnos é para ter envexa do que aquí están a facer. O que fai a Deputación para formar aos bolseiros é un esforzó a destacar”, sinalou.