11/2/16

MEDIO RURAL INCREMENTA ESTE ANO O ORZAMENTO PARA FORMACIÓN NO AGRO GALEGO NUN 190%

Angeles Vázquez
O Plan de formación da Consellería do Medio Rural para o agro galego incrementa este ano o seu orzamento nun 190% en relación co destinado no 2015, ao pasar de 485.000 euros a 1,4 millóns. Así o explicou a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, en resposta a unha pregunta sobre o tema no Pleno do Parlamento. A conselleira sinalou que dentro desta oferta formativa enmárcanse os cursos para a obtención do carné para o uso profesional de produtos fitosanitarios. E explicou que Medio Rural realiza actividades de formación continua nesta materia, que tamén se imparte por diferentes entidades autorizadas, concretamente 20 delas para formación presencial e 1 para impartir cursos online

Ángeles Vázquez indicou que no ano 2015, dentro deste Plan de formación continúa da Consellería, aprobáronse 68 cursos de fitosanitarios do nivel básico, 122 de renovación de cursos dese mesmo nivel, 21 de nivel cualificado e 4 de renovación dese grao, todos eles cunha media de 30 alumnos. A través de entidades homologadas impartíronse 173 cursos máis, de nivel básico. 

Así, dixo a conselleira, no pasado ano expedíronse 7.359 carnés para o uso destes produtos en toda Galicia, onde xa existen un total de 63.252 de nivel básico. E para este 2016 –engadiu–, tras consultar entre o sector as súas necesidades, vaise dar prioridade aos cursos de nivel cualificado, así como ás renovacións dos niveis básico e cualificado. Segundo explicou a titular de Medio Rural, neste intre hai 34 entidades que solicitaron cursos presenciais para desenvolver en 2016, dos que xa se autorizaron 20. Os 14 restantes están pendentes de tramitar e existen, dixo, novas solicitudes de alta no rexistro de entidades colaboradoras.

Dinamización do rural
Ángeles Vázquez respondeu tamén na Cámara galega unha pregunta sobre a dinamización demográfica e económica do rural. Neste sentido, anunciou que coa aplicación das diferentes accións previstas no PDR de Galicia 2014-2020 agárdase consolidar no rural galego uns 3.000 empregos e crear arredor de 1.000 postos de traballo. 

A conselleira avanzou tamén que, para acadar un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e conservación do emprego, o enfoque Leader para este período prevé unha achega de 84 millóns de euros, orientados á consecución de diversos obxectivos. Entre eles, mencionou a mellora das condicións para crear e manter postos de traballo no rural, implementar servizos para a poboación, mellorando o seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza, favorecer a ocupación sustentable do territorio e potenciar a gobernanza local e a animación social do rural. 

Todas estas accións de futuro dan continuidade, explicou Ángeles Vázquez, ás desenvolvidas no marco do anterior PDR, que supuxo un investimento inducido no rural galego de máis de 226 millóns de euros. Estes fondos permitiron desenvolver un total de 2.183 proxectos, que supuxeron a consolidación de case 5.000 postos de traballo e a creación de 957 novos empregos. A conselleira rematou a súa resposta incidindo na idea de que recuperar o dinamismo demográfico e económico no rural é unha aposta global do Goberno galego.