La Xunta seguirá invirtiendo en la mejora del Parque Natural de Corrubedo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá este ano un total de 230.000 euros, procedentes de fondos FEDER, para continuar mellorando o Parque Natural de Corrubedo. Deste total, máis de 100.000 euros vanse dedicar a estudos sobre o medio físico e biótico do espazo e, ademais, vaise reforzar o seu servizo de información, que estará aberto aos visitantes desde mediados de febreiro, e non só no período estival como ata o de agora.
Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que se desprazou ata este enclave con motivo da conmemoración do Día mundial dos humidais. Esta efeméride celebra a data da sinatura, hai agora 45 anos, do convenio sobre os humidais, un marco que rexe tanto en Galicia como en Europa.
Os humidais son zonas de terra inundadas permanente ou intermitentemente, con ecosistemas moi ricos que están a medio camiño entre os terrestres e os acuáticos. “A súa protección é esencial, porque escasean e están ameazados. Calcúlase que no último século desapareceron dous terzos do total de humidais do mundo”, alertou Mato, que lembrou que estes espazos “son esenciais para o noso presente e futuro”. En concreto, enumerou entre os seus beneficios: contribúen a encher os acuíferos subterráneos; supoñen unha reserva imprescindible de auga doce; son esenciais para vida dos peixes; constitúen o medio de vida de máis de mil millóns de persoas en todo o mundo; e resultan imprescindibles para a conservación e sostibilidade do medio ambiente, porque absorben precipitacións e almacenan o 30% do carbono da terra, o dobre que os bosques de todo o mundo.
Galicia ten actualmente máis de 1.100 humidais, dos que un total de cinco están declarados como humidais de importancia internacional: ría de Ribadeo; ría de Ortigueira-Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira; e a lagoa e duna de Corrubedo.
Este último, ademais dun humidal recoñecido internacionalmente, é tamén un dos sete parques naturais galegos. Dispón de 1.000 hectáreas e é un dos ecosistemas costeiros máis ricos en flora do norte de España. Só no último ano visitaron este espazo preto de 65.000 persoas.
Segundo precisou a conselleira, o compromiso coa súa conservación esténdese tamén aos outros seis parques naturais galegos. A Xunta ten consignado para eles 3,25 millóns de euros en 2016, que se veñen a sumar aos máis de 19 millóns que se teñen investido nestes parques desde 2009. Neste mesmo sentido, Mato lembrou tamén a aposta do departamento por crear unha Rede de parques naturais de Galicia e  por  unha nova oferta turística “innovadora, sostible e de calidade” como é o proxecto “Starlight en espazos protexidos”.

Visita a EDAR de Ribeira
Logo da súa visita ao parque natural, a conselleira desprazouse ata a EDAR de Ribeira, para coñecer o estado dos traballos nesta instalación e nos dous colectores interceptores que conducirán as verteduras ata esta nova infraestrutura. O orzamento total para esta depuradora supera os 19,3 millóns de euros (dos que a Xunta achega 8,5 millóns), e exemplifica a colaboración entre Goberno central e autonómico.
A nova EDAR dará servizos aos núcleos máis poboados do concello: o centro urbano de Ribeira, e as parroquias de Aguiño e Castiñeiras, o que significa unha poboación aproximada e 36.000 habitantes equivalentes.
Actualmente, as obras están a punto de finalizar e a previsión é que o período de probas comece o próximo mes de marzo. Esta nova EDAR conta con dúas liñas de auga, estase a executar un emisario submarino, así como sete tanques de tormenta e 13,6 quilómetros de conducións que integran o saneamento da franxa litoral interna de Ribeira.
Mato lembrou, ademais, que o pasado mes de xuño comezou a funcionar a EDAR de Corrubedo e os seus colectores xerais. Dá servizo aos núcleos que forman o entorno do Parque natural de Corrubedo. Na súa construción investíronse preto de 6,23 millóns de euros, que foron executados na súa totalidade pola Xunta. 
O ano pasado tamén se finalizou a reparación do emisario de Punta Touro, cun investimento propio de 1,85 millóns de euros.

“En resumo, desde 2009 téñense investido 28 millóns de euros no saneamento e depuración das augas do concello, dos que a Xunta financiou un total de 17”, resumiu Mato, quen rematou recalcando o “firme compromiso” do Goberno autonómico co medio natural e benestar e calidade de vida dos veciños e veciñas de Ribeira.