Galicia : Oferta Pública de Emprego para 2016 suma case 2.400 prazas entre Sergas, Educación e Administración Xeral


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Oferta Pública de Emprego para 2016 suma case 2.400 prazas entre Sergas, Educación e Administración Xeral, é dicir, máis do dobre de prazas que as ofertadas no ano anterior.
Como sinalou o xefe do Executivo galego, a OPE do presente exercicio superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos. De feito, prevé ofertar 818 prazas de diferentes categorías sanitarias e ás 1.112 prazas xa anunciadas no ámbito da Educación.
A isto hai que engadirlle a oferta de prazas que se levou hoxe a Consello, outras 448 prazas para persoal da Administración Xeral, oferta que, como sinalou o presidente, será trasladada á mesa de negociación nas vindeiras datas.
Máis polo miúdo, Feijóo sinalou que, do total destas prazas, 146 serán para persoal laboral no eido dos servizos sociais, o que permitirá aumentar a estabilidade no emprego desta área e mellorar a prestación do servizo. 
Por outra banda, outras 124 prazas irán destinadas a reforzar a prevención e extinción de incendios, sendo a primeira vez desde 2003 que se inclúe este servizo na oferta de emprego. 
Ademais, por primeira vez na historia da autonomía, convocaranse 22 prazas de especialistas en seguridade e saúde no traballo.
Segundo o titular da Xunta, tamén se ofertarán 40 prazas no corpo de xestión, no corpo auxiliar e na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno, mentres que as 116 prazas restantes serán para promoción interna.
Como concluíu Feijóo, estas case 2.400 prazas de emprego público equivalen á oferta pública de emprego de cinco anos, desde 2010 a 2014. Así, unha vez que se acabou a limitación estatal do 10 por cento na taxa de reposición e que a Xunta empregou na súa totalidade, o Goberno galego agora está tratando de consolidar postos de traballo e de acadar que as persoas que tiñan contratos temporais ou de interinidade poidan ter opción a ser funcionarios de carreira da Comunidade.

O obxectivo, segundo engadiu, é finalizar as ofertas públicas de emprego que estaban en trámite en 2016 e avanzou tamén que se buscará levar a cabo as convocatorias das prazas de servizos sociais e de extinción de incendios antes do verán.