GALICIA CUMPRIU EN 2015 O OBXECTIVO DE DÉFICIT E CONSEGUIU REBAIXALO AO 0,67% DO PIB

  • O conselleiro de Facenda avanza que a Xunta axustouse ao obxectivo do 0,7% fixado para todas as Comunidades Autónomas
  • O Goberno galego reduciu un 31% o déficit respecto de 2014
  • Valeriano Martínez lembra que o cumprimento do déficit ten efectos prácticos e beneficiosos para a cidadanía galega
  • “Galicia é a proba de que é posible cumprir o déficit público”, indicou
  • A Xunta dispuxo de preto de 150 millóns de euros adicionais grazas ao cumprimento da estabilidade orzamentaria e o aforro nos xuros da débeda
  • Galicia mantén blindado o gasto social ao tempo que está á cabeza de comunidades en esforzo investidor 
 O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe que Galicia pechou o exercicio 2015 cun déficit público do 0,67% do PIB, o que significa que a Comunidade galega volveu cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria para o ano pasado, fixado no 0,7% polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para todas as Comunidades Autónomas.

En rolda de prensa, o conselleiro indicou que o dato provisional de déficit público de Galicia situouse no 0,67% ao peche de 2015. Isto supón unha redución do 31% respecto ao peche do ano anterior, no que Galicia rexistrou un déficit do 0,98%, tamén por debaixo do 1% autorizado polo CPFF para 2014. 

O titular de Facenda sinalou que “desta maneira, un ano máis Galicia estará entre as comunidades cumpridoras”, unha vez que o Ministerio de Hacienda publique os datos de déficit do conxunto das autonomías. “En 2014 Galicia xa foi unha das catro comunidades que cumpriu o déficit”, lembrou.

Valeriano Martínez advertiu de que Galicia “é a proba de que é posible cumprir o déficit público”. Tamén indicou que é unha comunidade solvente que mantén a súa autonomía financeira, e reiterou que o cumprimento do obxectivo de déficit “ten efectos prácticos e beneficiosos para a cidadanía galega”. 

Así, Valeriano Martínez explicou que a Xunta de Galicia dispuxo de preto de 150 millóns de euros adicionais en 2015 grazas ao cumprimento da estabilidade orzamentaria –que permitiu obter 85 millóns por parte do Estado- e o aforro nos xuros da débeda, que acadou os 56 millóns de euros, uns recursos que puideron ser destinados a gastos produtivos. 

Menos débeda e máis investimentos
O conselleiro de Facenda explicou que o cumprimento do déficit público non consiste só en axustarse a unha cifra, senón que significa “ser responsables e non gastar por riba do que pode asumir unha Administración”. Ademais, recordou que cumprir o déficit serve tamén para sustentar un crecemento san. “O obxectivo é conseguir unha evolución positiva da nosa economía e do noso benestar sen poñer en risco o noso futuro”, indicou.

Valeriano Martínez sinalou que, xunto o cumprimento do déficit, o control da débeda pública e outra das bases dese modelo de crecemento san ao que aspira a Xunta. Sobre isto, engadiu que Galicia mantén controlada a débeda pública e destacou que ten cinco puntos menos de ratio débeda/PIB que a media de comunidades. De feito, Galicia é a comunidade onde menos medrou a débeda na actual lexislatura. Ademais, en 2008 era a cuarta autonomía con máis débeda, mentres que agora é a sexta con menos débeda.

A Comunidade galega tamén mantén blindado o gasto social, tanto en orzamentos decrecentes como no vixente, que medra en máis dun 4% respecto ao ano anterior. A Xunta está a destinar case 8 de cada 10 euros a sanidade, educación e servizos sociais.


Galicia mantense igualmente á cabeza de comunidades en esforzo investidor, cun incremento de 282 millóns de euros en gastos de capital sobre o ano anterior. Ata o mes de novembro o esforzo investidor de Galicia acadou o 10,7% do total de gasto non financeiro, o que supón case duplicar a media autonómica (5,7%).