FEIJÓO APELA Á ESTABILIDADE, Á CONFIANZA E Á PLANIFICACIÓN COMO FACTORES FUNDAMENTAIS PARA SOSTER E IMPULSAR O CRECEMENTO ECONÓMICO

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á estabilidade, á confianza e á planificación como factores fundamentais para soster e impulsar o crecemento económico. Así o manifestou durante a súa intervención no acto inaugural do II Encontro de Directivos 100 consellos para o 2016.

O titular da Xunta subliñou que non pode existir prosperidade económica se os axentes implicados nela —emprendedores, consumidores e traballadores—, non confían no sistema; de igual xeito que a confianza nas institucións, dixo, achega uns cimentos sólidos para que a sociedade prospere. Segundo apuntou, a confianza ciméntase na estabilidade e, nese sentido, recoñeceu que é fundamental o labor previsible dos representantes públicos á hora de propoñerlle aos cidadáns un modelo de sociedade e un camiño a seguir para chegar a el.

Un plan sustentado na estabilidade
Feijóo asegurou que con esa vocación naceu o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, recentemente aprobado polo Goberno galego, e que recolle o traballo conxunto da Xunta e a sociedade civil para determinar as prioridades de Galicia de aquí a 2020. Segundo indicou, o texto plasma a vontade de acadar unha Galicia con máis oportunidades, máis emprego, máis produtiva e cohesionada territorialmente e na que o benestar chegue a toda a cidadanía.
Así, sinalou que, de cara ao final desta década, o obxectivo é que a Comunidade creza de xeito sostido por riba do 2,5% e que se creen 100.000 empregos ata 2020. Ao respecto mencionou os últimos datos da EPA que sinalan que no último ano en Galicia saíron do desemprego 41.100 persoas e se crearon 32.100 postos de traballo.

Na mesma liña, afirmou que apostar por un novo modelo produtivo supón duplicar o investimento en I+D e elevar ata o 40% as exportacións nos distintos sectores. E como exemplo resaltou que 2013, 2014 e 2015 foron os anos en que Galicia máis exportou. 

No eido demográfico, destacou a necesidade de frear a caída de poboación e lembrou que a Xunta xa puxo en marcha o Plan de apoio á natalidade e medidas como a Tarxeta Benvida. 

Ademais destes retos, de cara ao 2020, Feijóo referiuse tamén a outros obxectivos no ámbito da formación, —como continuar reducindo a taxa de abandono escolar temperá—da inclusión, do coidado do medio ambiente, da enerxía e da converxencia coa UE. “Buscamos  —dixo— unha converxencia coa media da renda da UE en oito puntos e unha converxencia en cinco puntos coa media da renda de España”.

Este plan, remarcou, “traza unha folla de ruta cara á Galicia que queremos, unha folla de ruta que intenta evitar as improvisacións”. Segundo indicou é unha resposta á vontade dos cidadáns, que esperan das institucións que teñan un modelo de país, “que se consensue ao máximo posible e que haxa un goberno que non delegue as súas responsabilidades”.

Contar cun marco institucional estable
O titular da Xunta mencionou, por outra banda, os avances acadados en Galicia nestes últimos anos e citou como os logros máis importantes que a Comunidade deixou de destruír emprego; de feito, subliñou que neste mes de xaneiro os niveis de desemprego se situaron por debaixo dos de 2011. Tamén destacou que Galicia foi a única Autonomía que non acudiu nin ao FLA nin ao Fondo de provedores.

Salientou, nesta liña, que a responsabilidade e o control das contas públicas permitiu á Xunta suprimir o Imposto de sucesións e doazóns para o 99% dos galegos e reducir novamente o IRPF. E, igualmente, asegurou que se nos anos máis complicados da recesión o Goberno galego mantivo as axudas sociais, agora que empeza a haber máis marxe de manobra, está a amplialas.


Feijóo concluíu asegurando que “non se pode conseguir a prosperidade económica e social se as institucións traballan de xeito unilateral, se actúan en contra da vontade maioritaria da cidadanía ou se coas súas accións dividen a sociedade”. Conséguese “cando existe estabilidade e certeza; cando existe un marco institucional estable e digno da confianza que reclama a cidadanía”, asegurou.