FEIJÓO AFIRMA QUE O PROXECTO DE LEI DE MEDIDAS EN MATERIA DE URBANISMO APORTARÁ AXILIDADE, EFICACIA E SEGURIDADE XURÍDICA AOS PROXECTOS PÚBLICOS URXENTES E DE EXCEPCIONAL INTERESE PÚBLICO

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Proxecto de lei de medidas en materia de urbanismo aportará axilidade, eficacia e seguridade xurídica aos proxectos públicos urxentes e de excepcional interese público. “Estamos a falar dunha resposta áxil, responsable e eficaz coa que damos solución aos casos de proxectos urxentes referidos a infraestruturas promovidas por administracións públicas paralizadas na cidade de Vigo; e, blindamos á toda a comunidade para poder achegar solucións a aqueles proxectos que non poden ser paralizados ata a aprobación dun novo plan de ordenación urbanístico”, asegurou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que a lei garante a autonomía municipal, establece que as iniciativas sexan informadas sectorialmente, segundo a normativa aplicable, e respecta as resolucións xudiciais. 

Nesta liña, precisou que o texto garante a autonomía municipal porque o informe do Concello será preceptivo e vinculante e, se o informe é desfavorable, a Xunta arquivará o proxecto. 

Así mesmo, afirmou que mesmo despois de aprobado o proxecto de urxencia, o Concello poderá suspender as obras se non se sigue o procedemento da lei ou os traballos non se axustan ao establecido no proxecto. “E, cómpre salientar que os proxectos deberán ser informados sectorialmente, de acordo á lexislación aplicable, e moi especialmente no referido á avaliación de impacto ambiental”, engadiu.

O presidente da Xunta asegurou tamén que o mecanismo non supón unha vía para evitar as resolucións xudiciais, senón todo o contrario, “xa que a propia lei –abundou- establece que de forma simultánea á aprobación do proxecto, se inicie o procedemento para acomodalo á ordenación urbanística correspondente”.

Procedemento
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o texto aprobado deseña o procedemento necesario para impulsar estes proxectos urxentes. De tal xeito que o órgano promotor do proxecto dará traslado do mesmo á Consellería competente por materia, solicitando que se inicie o procedemento para declaralo de urxencia e interese público. Deberá achegar un proxecto detallado.

A consellería competente na materia será a responsable de xustificar as razóns de urxencia e excepcional interese, e remitirá este proxecto ao Concello para que en 10 días acepte ou non a tramitación deste procedemento excepcional. 

Se o informe do Concello é desfavorable, o procedemento arquivarase. E se o informe é favorable, remitirase á Consellería competente en urbanismo que solicitará con carácter de urxencia os informes preceptivos de acordo á lexislación sectorial aplicable. 

Unha vez recabados os informes sectoriais (incluído a avaliación de impacto ambiental, se a normativa o esixe), elevará o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo, que se pronunciará sobre os aspectos urbanísticos. 

Unha vez rematada esta fase, a Consellería de urbanismo devolverá o expediente á Consellería competente, pola natureza do proxecto, que será a encargada de elevalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación. “Será o Goberno o que habilite aos promotores para o inicio das obras correspondentes e, o Concello velará para que esas obras se executen conforme á licenza outorgada e, de non ser así, poderá suspender as obras e solicitar que se adecúen ao proxecto aprobado polo Goberno da comunidade”, precisou.


Feijóo concluíu insistindo en que “este proceso mantén a garantía dos procedementos; mantén as obrigas dos informes sectoriais; mantén a autonomía municipal e sobre todo resolve os problemas que se podan crear no futuro”.


O titular da Xunta explica que a vacina contra esta doenza vaise introducir no Programa Galego de Vacinación con dúas doses: aos 15 meses e aos tres anos

FEIJÓO AVANZA QUE DESDE O VINDEIRO 1 DE ABRIL O CALENDARIO DE VACINACIÓN INFANTIL DE GALICIA INCLUIRÁ A VACINA DA VARICELA A PARTIR DOS 15 MESES DE IDADE

§  Explica que, de acordo ao establecido no ano 2005, seguirase vacinando como ata o de agora aos preadolescentes que aos 12 anos non teñan pasado esta enfermidade ou que non estean previamente vacinados. E, de igual xeito, a aquelas persoas en risco de padecer a doenza
§  Indica que a Consellería de Sanidade xa procedeu a adquirir as doses que fan falla para dispensar esta vacina ao longo de 2016, e que para as persoas que non estean entre os grupos de risco pero desexen recibila, a Axencia Española do Medicamento xa autorizou a súa venda en farmacias
§  Subliña que a inclusión desta vacina é unha mostra máis do compromiso da Xunta por facer un calendario vacinal único, especialmente, centrado nas doenzas infantís. E, nesta liña, lembra que vai dirixida a campaña de promoción da vacina da tose ferina para embarazadas, que comezou o pasado mes de decembro
§  Sinala que neste ano 2016 vanse a vacinar uns 15.000 nenos de 15 meses de idade e a partir do ano 2017 uns 20.000. Ademais, insiste en que se seguirán vacinando aos nenos de 12 anos que non foran vacinados ou que non tiveran a varicela, e aos grupos de risco, o cal faría unha media de 6.000 persoas máis cada ano


FEIJÓO ANUNCIA QUE EN 2016 SE DESTINARÁN MÁIS FONDOS CA NUNCA, 16 MILLÓNS DE EUROS, PARA CONTRATAR INVESTIGADORES PREDOUTORAIS E POSDOUTORAIS

§  Corresponden a dúas convocatorias coas que se asinarán contratos que estarán en vigor ata o 2019
§  Convócanse dúas convocatorias conxuntas entre a Consellería de Educación e a GAIN, que supoñen un crecemento do 26% sobre o importe destinado a isto do ano anterior
§  Beneficiaranse 100 mozas e mozos na etapa predoutoral e 75 na etapa posdoutoral
§  Os investigadores predoutorais poderán realizar unha estadía de tres meses remunerada no estranxeiro para obter o doutorado internacional e, por primeira vez, resérvanse 20 prazas para as áreas de Artes e Humanidades e Ciencias sociais e xurídicas
§  Contrataranse 14 investigadores posdoutorais máis cunha dotación que supera en 2,2 millóns á de 2015
§  Tamén se introduce un contrato específico de dous anos para apoiar aos contratados posdoutorais a abrir a súa propia liña de investigación