9/2/16

DESTACAN O TRABALLO DA XUNTA E ACLUNAGA PARA CONSOLIDAR A RECUPERACIÓN DO NAVAL GALEGO, QUE SUMA XA O 30% DE TODA A CARGA DE TRABALLO DOS ESTALEIROS ESPAÑOIS

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o traballo da Xunta e Aclunaga para impulsar a recuperación do naval galego. Conde reuniuse co novo presidente de Aclunaga, Marcos Freire, co que fixo balance da situación do sector e compartiu impresións sobre os retos inmediatos aos que se enfrontan os estaleiros e as empresas auxiliares.

Conde resaltou o esforzo levado a cabo polas compañías navais, da man do Goberno galego, para “ligar a recuperación económica á recuperación do noso naval”. Unha recuperación á que o conselleiro puxo cifras: resaltou, en concreto, que a carga de traballo dos estaleiros galegos aumentou en 2015 case un 50% respecto a 2014, sumando máis de 2.000M€ en contratos. Os últimos informes, que aínda non inclúen algún dos contratos anunciados, suman 19 buques na carteira de pedidos galega, “un 30% de toda a carga de traballo dos estaleiros españois”, dixo Conde. Uns indicadores aos que se suma, sinalou o conselleiro, o bo dato do Índice de Produción Industrial, que no eido naval medrou en Galicia un 14,9% en 2014.

A partir de esas cifras, Freire e Conde analizaron hoxe as distintas liñas de colaboración en eidos estratéxicos como o financiamento. Neste senso, o conselleiro resaltou a mellora no acceso ao crédito por parte do sector nos últimos meses, unha tendencia respaldada desde a Xunta a través da liña de avais da industria auxiliar; da súa presenza en Pymar, grazas á que o Goberno galego vén de apoiar un recente contrato de Cardama para a construción de dous remolcadores; así como de outros instrumentos, como os Préstamos Jeremie, os respaldos do BEI ou o papel de XesGalicia. Conde avanzou que a Xunta manterá un encontro específico cos distintos axentes do sector para trasladarlle polo miúdo os detalles dos distintos apoios financeiros que as empresas teñen á súa disposición.

Ademais do financiamento, o conselleiro e o presidente de Aclunaga analizaron os retos que se plantexan no eido da formación, tanto no eido da construción de buques como do desenvolvemento do eólico offshore. Ambos, dixo Conde, “están a por de manifesto as necesidades de máis formación especializada en determinades actividades”, e neste senso destacou que a Xunta leva investidos 4,5 millóns de euros neste eido nos últimos anos, e avanzou que o naval terá un “protagonismo específico” na nova Axenda de Emprego.

O conselleiro defendeu que Galicia ten recuperado o pulso do naval pola competitividade dos seus estaleiros, a súa seriedade no cumprimento dos prazos, a calidade do seu traballo, a boa política comercial e, por riba de todo, a innovación. Neste senso, resaltou que a Xunta está moi cerca das nosas compañías e da propia Aclunaga á hora de impulsar a innovación, mobilizando máis de 33 millóns de euros desde 2009 a través de programas como o Innterconecta e o Conecta Pemes –do que se ven de pechar unha nova convocatoria de 25 millóns de euros-, ou proxectos como o ATempo.


Unha forza innovadora que agora estase a volcar na Industria 4.0. A futuro, a competitividade do naval galego pasa por ela, defendeu Conde, e de aí o impulso da Xunta ás 3 unidades mixtas de investigación no naval asociadas a novos procesos industriais; o convenio con Aclunaga e Aimen para o impulso do Naval 4.0 desde o CIS Galicia, que está a desenvolver novas tecnoloxías e prototipos; e o concurso de Ideas Industria 4.0, que financiará con 4 millóns de euros 4 proxectos demostrativos de novas tecnoloxías asociadas a esta revolución, configurándose como unha oportunidade a través da que, destacou o conselleiro, o naval pode dar resposta a este desafío.