14/2/16

DEPUTACIÓN APROBA AS BASES DAS AXUDAS Ó DEPORTE NACIONAL DA PROVINCIA



Coas bases xa aprobadas en xaneiro para o deporte federado, o goberno de Carmela Silva adicou no que vai de ano case un millón de euros aos clubs da provincia de Pontevedra

A concesión das subvencións, por importe de 500.000 euros, será por procedemento de concorrencia competitiva e con criterios obxectivos para garantir a transparencia e a  igualdade de oportunidades


A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases para a concesión de subvencións a clubs e entidades deportivas federadas de ámbito nacional, así como os clubs que participen na Terceira División de Fútbol, a fin de apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais na temporada 2015-2016. 

De esta forma os clubs que compiten a nivel nacional terán unha liña de subvencións específicas reguladas mediante unhas bases que lles permitirá dispor de cartos públicos para o seu funcionamento e actividades con total e absoluta garantía de equidade

Estas axudas contarán cun presuposto de 500.000 euros e a súa concesión será a través do procedemento de concorrencia competitiva. As solicitudes serán analizadas pola Comisión de Valoración que aplicará criterios obxectivos como o nivel de competición da entidade, o número de licenzas federativas, o número de equipos participantes por categorías, o número de equipos en categoría base , etc...

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, unha vez estas bases reguladoras se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO)

Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta. Os modelos normalizados se facilitan no Rexistro Xeral, no Servizo de Deportes da Deputación ou na páxina www.depo.es. A súa presentación será no Rexistro da Deputación, na sede da Deputación en Pontevedra (Avda. Montero Ríos, s/n) ou na sede de Vigo (Rúa Oporto,3)


En canto as bases para a concesión das axudas a  entidades e clubes deportivos para o deporte federado e para o deporte náutico, dotadas con máis de 350.000 euros e aprobadas na Xunta de Goberno do pasado 29 de xaneiro de 2015, o prazo para entregar as solicitudes remata o próximo 3 de marzo.