Continúa la lacra del marisqueo furtivo pero también la actuación eficaz de los Guardacostas

La lacra del marisqueo furtivo
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 1.840 quilos de peixe e marisco e 237 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral galego nos últimos días. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 3.950 metros de artes de enmalle. Na ría de Muros e Noia os gardacostas comisaron 1.773 quilos de diversas especies e incautaron 3.600 metros de artes de enmalle e 69 artes de pesca.
O operativo máis destacado tivo lugar na reserva mariña dos Miñarzos, onde os inspectores da Xunta se fixeron con 1.755 quilos de mexilla. Por outra banda, na ría de Arousa realizáronse varios operativos que deron como resultado o comiso de máis de 51 quilos de diversas especies e a incautación de 140 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante foi nun control rexistrado na zona de Sálvora e Portomouro, onde se incautaron 111 nasas de polbo, 22 de centola e 7 de choco e as especies que contiñan, 15 quilos de polbo, 6 de centola e 10 de choco. Os axentes requisaron este material porque se atopaba todo sen identificar.
 Na ría de Vigo tamén se rexistraron diversas actuacións deste servizo. Nelas, os inspectores comisaron 15 quilos de peixe e marisco, 150 metros de artes de enmalle e 11 útiles de pesca. O operativo máis destacable desenvolveuse no peirao de Canido, onde os axentes se fixeron con 7 nasas de ferro e cos 8 quilos de centola e 2 de nécora que contiñan. Ademais nun control realizado na zona do Couto, na ría de Ferrol, os axentes comisaron preto de 3 quilos de ameixa babosa. Por outra banda, na ría de Ares-Betanzos os inspectores tamén se fixeron con 17 nasas de nécora por careceren de identificación.


Federación Europea do Camiño de Santiago 
celebrou en Lisboa a súa asemblea xeral.
A Federación Europea do Camiño de Santiago, que actúa como órgano xestor da Ruta Xacobea como primeiro Itinerario Cultural Europeo diante do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, celebrou hoxe en Lisboa a súa asemblea xeral. Esta Federación está integrada pola Xunta de Galicia, xunto á Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay en Francia, a provincia de Namur en Bélxica e os municipios de Asís e Vila Pouca de Aguiar en Italia e Portugal respectivamente.
 No decurso desta asemblea deuse conta da celebración mantida polos representantes da Federación Europea a pasada semana en Luxemburgo co novo director do Instituto de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, no que se trataron diversos aspectos para impulsar o papel da Federación como entidade responsable do impulso do Camiño de Santiago nos diversos países de Europa. Neste senso, no encontro abordouse unha estratexia para a ampliación dos socios desta Federación que ten previsto ampliarse a novas entidades territoriais dos diversos países europeos.
 A Federación participará, pola tarde, nunha xuntanza impulsada polo municipio de Vilapouca de Aguiar de cara a creación dunha asociación nacional portuguesa do Camiño de Santiago na que participarán representantes de Turismo de Portugal, Direçao Geral de Patrimonio Cultural, Pastoral do Turismo da Conferencia Episcopal Portuguesa, así como diversas asociacións de amigos do Camiño, entre outros colectivos. O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, participou nesta xuntanza para expoñer o traballo que dende a Xunta de Galicia se realiza na xestión integral do Camiño de Santiago na nosa Comunidade Autónoma.
 Dimensión transnacional da Ruta Xacobea 
 A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Entre as accións que desenvolve a federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; a cooperación coas universidades dos diferentes países así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.


14,3 millóns de euros para apoiar a transformación e comercialización de produtos agroalimentarios.
A Xunta destina este ano un total de 14,3 millóns de euros para apoiar a transformación e comercialización de produtos agroalimentarios. Con estas achegas, o Goberno galego amosa a súa decidida aposta por impulsar a eficiencia das explotacións agrogandeiras e a valorización dos nosos produtos. Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, hoxe en Lalín, durante a súa visita ás novas instalacións do Laboratorio Agroalimentario de Mouriscade.
A titular de Medio Rural dixo que eficiencia e valorización son, precisamente, os piares sobre os que se debe asentar a mellora da competitividade da nosa produción e industria agroalimentaria. En relación con esta última, a conselleira lembrou que esta actividade económica factura en Galicia 4.721 millóns de euros anuais e dá emprego a preto de 20.000 persoas, o que supón o 16,4% da facturación total e o 15% do emprego total da industria galega.
Para sustentar este sector –engadiu Ángeles Vázquez–, resulta fundamental o labor de investigación, divulgación e realización de análises que leva a cabo este laboratorio de Mouriscade, un centro que cualificou como exemplo de colaboración económica e institutcional entre as administracións local, autonómica e estatal. Neste sentido, destacou a achega de máis de 2,1 millóns de euros por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, para financiar as novas instalacións de Mouriscade.
Tamén neste contexto, a conselleira sinalou que a biotecnoloxía aplicada á produción de alimentos e á industria agroalimentaria está a producir uns resultados asombrosos, ata o punto de que nunca o consumidor contou cunha oferta alimentaria máis ampla, segura e de calidade que hoxe. E lembrou que precisamente un dos obxectivos deste laboratorio é a optimización da alimentación animal desde a dobre vertente económica e da seguridade alimentaria.


El conselleiro comprueba la formación de los estudiantes
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado do xerente de Benteler Automotive S.L., Guillerme Aibeo; do director de Recursos Humanos, Carlos Casal; e do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; visitou hoxe esta empresa para comprobar de primeira man a formación que reciben os estudantes que cursan o ciclo formativo de grao medio de Mantemento Electromecánico na modalidade de FP Dual.
A estancia dos estudantes nesta factoría de automoción é froito dun acordo de colaboración entre Benteler Automotive S.L. e a Consellería que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2014-2015. A raíz desta cooperación, actualmente 28 alumnas e alumnos do ciclo de grao medio en Mantemento Electromecánico que cursan os seus estudos no IES Politécnico de Vigo teñen a posibilidade de combinar a formación académica neste instituto con prácticas nas instalacións Benteler. 
Dous proxectos en activo
Na actualidade están vixentes dous proxectos nesta empresa, con 14 estudantes cada un deles. O primeiro proxecto comezou no curso 2014-2015, no cal todos eles realizaron a súa formación íntegra no centro educativo. No actual curso 15-16 e no 16-17, o alumnado asiste un día á semana ao instituto e os catro días restantes reciben a formación nas instalacións da propia empresa. 
O segundo proxecto –con outros 14 alumnos e alumnas- púxose en marcha no presente curso e co mesmo plan de formación que o anterior. É dicir, que neste curso os estudantes reciben a súa formación íntegra no centro, mentres que nos vindeiros cursos 16-17 e 17-18 compaxinarán un día de formación práctica no IES cos catro días restantes á semana na empresa. 
O obxectivo da FP Dual é avanzar no nivel de cualificación do alumnado da FP galega en situacións de traballo reais preparándoos para o futuro mercado laboral, ao tempo que se facilita que as empresas impartan aos estudantes formación personalizada e adaptada ás necesidades concretas do seu funcionamento como compañía. 
O impulso da FP, unha aposta do Goberno galego
O impulso e posta en valor da Formación Profesional é unha das prioridades do departamento de Educación da Xunta. De feito, a FP é hoxe en día un dos piares do sistema educativo, e a posibilidade de combinar, como é o caso da FP Dual, formación académica con adquisición de competencias prácticas nas empresas, supón un atractivo máis para os estudantes que apostan por este tipo de ensinanzas. 

Xunto a esta formación, iniciativas como os contratos-programa forman parte do conxunto de elementos que contribuíu a unha considerable redución da taxa de abandono educativo temperá nos últimos anos en Galicia. De feito, a porcentaxe media de abandono situouse no 17% en 2015, tres puntos por debaixo da media estatal e 8,8 puntos menos que a rexistrada en 2009.