As vendas de solo empresarial nos parques autonómicos superaron no ano 2015 os 500.000 metros cadrados e acadaron as cifras dos anos de maior crecemento económico

As vendas de solo empresarial nos parques autonómicos superaron no ano 2015 os 500.000 metros cadrados e acadaron as cifras dos anos de maior crecemento económico grazas aos incentivos postos en marcha pola Xunta de Galicia.  A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, presentou hoxe en rolda de prensa, acompañada do director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, o balance dos programas destinados a facilitar o acceso ao solo empresarial na Comunidade.

Na súa intervención, a conselleira concretou que as vendas de 505.293 metros cadrados en 204 parcelas repartidas polos parques das catro provincias galegas superan a suma das  rexistradas nos tres anos anteriores.

Ademais, salientou que se estima que os proxectos asociados ao solo empresarial vendido suporán un investimento inducido de arredor de 320 millóns de euros para os vindeiros anos, así como a creación de preto de 10.000 postos de traballo, directos e indirectos, incluíndo os necesarios para a construción e dotación das instalacións industriais e os correspondentes ao cadro de persoal de cada empresa.

Como dato significativo, indicou que a día de hoxe, o 77% das parcelas vendidas nos parques de Xestur están escrituradas e 64 das empresas que adquiriron solo bonificado xa teñen iniciado o desenvolvemento dos seus plans de negocio no solo que lle foi adxudicado (82 parcelas) e xa se está a traballar no 45% das parcelas vendidas: ben na redacción de proxectos, nos trámites para a obtención de licenza ou na construción das edificacións.

Vázquez adiantou que en 2016 aplicaranse novas bonificacións do 30 e do 50% no prezo do solo empresarial propiedade de Xestur e do IGVS e concretou que en vindeiras datas convocarase un novo concurso para a venda das súas parcelas a prezos bonificados. 

Balance dos programas de venda 
A conselleira lembrou que a Xunta convocou en xaneiro do ano pasado o primeiro concurso de venda de solo bonificado propiedade de Xestur e uns meses despois, concretamente o 5 de xuño, fíxose o propio co chan propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.  Estes procesos permitiron poñer á venda á prezos bonificados case 1.000 parcelas e máis de 2,8 millóns de metros cadrados de superficie en 47 parques empresariais propiedade da Xunta nas catro provincias galegas. 

Con esta política de fomento da venda de solo empresarial posta en marcha a Xunta busca acadar un obxectivo estratéxico e prioritario: impulsar o desenvolvemento económico, mellorando a competitividade empresarial; captando e mobilizando investimentos; convertendo Galicia nun polo de atracción de empresas xeradoras de emprego e de riqueza. 
A titular de Infraestruturas indicou que na provincia da Coruña, aplicáronse bonificacións do 30% en todos os parques, salvo os situados na Costa da Morte e en Ferrolterra, onde os descontos acadaron o 50%; no caso dos parques situados nas provincias do interior, tanto en Lugo coma en Ourense, do 50 %; e nos parques empresariais da provincia de Pontevedra, do 30%, agás en Arbo, no que se ofreceron rebaixas do 50% por tratarse dun territorio transfronteirizo. 

A conselleira destacou que o resultado destes concursos impulsados pola Xunta foi altamente satisfactorio, xa que se adxudicaron 201 parcelas e 441.000 metros cadrados de superficie. Precisou que o prezo de adxudicación ascendeu a case 19 millóns de euros e as  bonificacións supuxeron case 15,5  millóns.

Ademais do adxudicado nestes concursos, o IGVS adxudicou outros 62.000 metros cadrados a través da declaración de dous proxectos  empresariais singulares, no Porto Seco de Monforte e en Palas de Rei. Por unha parte, 40.000 metros no Porto Seco para a empresa Abiga, Aproveitamento da Biomasa Galega, que ocupará tres parcelas da fase 1 e parte da fase 2 do Porto Seco. Abiga ten intención de investir arredor de 20 millóns na construción das súas instalacións e prevé a creación de 35 postos de traballo directos e 105 indirectos.  Por outra parte, 22.000 metros no parque empresarial de Palas de Rei para a empresa Jim Sport, que prevé investimentos de arredor de 6 millóns e a xeración de 10 novos empregos.  En ambos os casos aplicouse unha bonificación do 50% na venda do solo. 

Dereito de superficie
Ethel Vázquez lembrou que a Xunta complementou as facilidades de acceso ao solo empresarial de Galicia coa posta á disposición dos emprendedores da posibilidade de adquirir solo industrial máis accesible mediante a concesión de parcelas baixo a fórmula de dereito de superficie. Este novo procedemento permítelle ás empresas adquirir, non a titularidade do solo, senón o dereito de empregalo e de construír nel as instalacións para o seu proxecto a cambio do pago dun canon anual, un alugueiro a prezo simbólico.  

Esta medida está en marcha nos parques empresariais de Xestur desde o pasado 1 de decembro: ofértanse 563 parcelas en 28 parques, case 2 millóns de metros cadrados a prezos que van dese os 38 céntimos ao ano por metro cadrado ata un máximo de 2,28 euros o metro cadrado o primeiro ano. 

A evolución do canon a pagar pola empresa é: 1 ano de carencia (baixo petición do adxudicatario), 1,5% do prezo de venda da parcela nos dous seguintes anos (2º e 3º ano), 2,5% do prezo de venda da parcela nos dous seguintes anos (4º e 5º ano) e 3,5% do prezo da venda de parcela no resto do período de vixencia da concesión (6ºano e seguintes).

Sectores estratéxicos
A Xunta, inicialmente, estableceu dúas condicións básicas para que as empresas puidesen acceder ao dereito de superficie: un certo nivel de investimento e unha creación de emprego relevante. Non obstante, para dar resposta ás demandas que do sector empresarial, engadiuse un novo suposto  para aqueles proxectos relacionados con sectores considerados estratéxicos na área de influencia do parque empresarial. 

O pasado mércores levouse esta proposta ao Consello de Administración de Xestur, que aprobou a medida que posibilita a adquisición de solo en dereito de superficie ás empresas da automoción na Veigadaña.   


Esta medida tense materializado tamén no parque da Sionlla, en Santiago, onde as iniciativas innovadoras relacionadas coa rehabilitación e a biotecnoloxía se poden beneficiar da adxudicación de solo en dereito de superficie por ser estes sectores estratéxicos.