As empresas do sector da automoción poderán acceder a 25 parcelas de 166.000 metros cadrados de solo industrial a cambio dun canon simbólico anual no parque empresarial da Veigadaña, en Mos

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou  hoxe que as empresas do sector da automoción poderán acceder a 25 parcelas de 166.000 metros cadrados de solo industrial a cambio dun canon simbólico anual no parque empresarial da Veigadaña, en Mos. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda trasladoulle hoxe esta iniciativa á xunta directiva da Asociación de Empresarios de Mos e a representantes de empresas da automoción, dándolles así resposta á solicitude plantexada en anteriores xuntanzas de traballo. 
Vázquez explicou que tras analizar a proposta deste sector, a Xunta decidiu atender esta demanda e favorecer a adquisición de solo empresarial en dereito de superficie a todos aqueles proxectos de automoción que se instalen no polígono empresarial da Veigadaña. Así, concretou que mañá o Consello de Administración de Xestur abordará esta iniciativa.
O parque empresarial da Veigadaña ofrece un total de 25 parcelas, ás que se poderá acceder de forma gratuita o primeiro ano e a un prezo de pouco máis de dous euros por metro cadrado a partir do segundo. Ademais dos empresarios da automoción, poden acceder ao solo nestas condicións os empresarios con proxectos que xeren certos niveis de investimentos ou que supoñan unha creación de emprego relevante.
A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta aposta pola xeración de riqueza e emprego en sectores punteiros e estratéxicos da comunidade, polo que se están a ofrecer facilidades na adquisición de solo, evitando que as empresas teñan que realizar fortes investimentos na adquisición de parcelas para desenvolver a súa actividade.
Así, na xuntanza de hoxe explicáronse as distintas medidas impulsadas desde a Xunta para facilitar o acceso ao solo industrial e favorecer a implantación de novos proxectos que contribúan a xerar riqueza e emprego. A conselleira detallou que tras o programa de vendas a prezos bonificadas, recentemente se puxo en marcha a oferta en réxime de dereito de superficie. 
Trátase dunha nova fórmula que lle permite aos empresarios construír as instalacións necesarias para o seu proxecto na parcela a cambio do pago dun canon anual, un alugueiro a prezo simbólico. Trátase, dixo, “dun importante estímulo para a instalación de novas empresas, xa que estas poderán dispoñer de solo industrial a cambio dun canon simbólico anual por metro cadrado”. 

Cómpre lembrar que inicialmente establecéronse dous requisitos básicos para poder acceder ao dereito de superficie: ou un certo nivel de investimento ou a xeración dun volume importante de postos de traballo. Non obstante, nunha reunión en novembro, os empresarios de Mos trasladaron a importancia de que sectores considerados estratéxicos na zona, como é o da automoción, tamén puidesen acceder ao dereito de superficie, aínda que non cumprisen os requisitos inicialmente fixados.