AS BRIGADAS DA DEPUTACIÓN ATENDEN MEDIO CENTO DE URXENCIAS NAS ESTRADAS PROVINCIAIS NO ÚLTIMO DÍA E MEDIO A CAUSA DO TEMPORAL



Seis brigadas están en activo e outras dúas en alerta xunto con persoal e maquinaria dos parques para atender asolagamentos, desprendementos, fochancas e árbores caídas
As brigadas de mantemento das estradas provinciais da Deputación de Pontevedra atenderon medio cento de urxencias con motivo do temporal no último día e medio (dende as 00.00 do venres ata as 17.00 horas de hoxe). O servizo ten en activo traballando a seis dos oito equipos existentes e en 'garda localizada' aos demais por se fosen requeridos. Ademais, tamén se está utilizando maquinaria (catro palas retroexcavadoras) e persoal dos parques comarcais co fin de dar solución aos asolagamentos, desprendementos, fochancas e árbores caídas na rede viaria provincial. 
A zona máis afectada é o Sur da provincia, con trece actuacións no día de hoxe e doce no día de onte. Os avisos das emerxencias chegaron ao Servizo de Vixiancia provincial fundamentalmente a través do 112, se ben tamén houbo peticións de alcaldes, concelleiros e veciños que alertaban dos problemas que ían xurdindo. Entre os concellos afectados están Arbo, A Lama, Mos, Ponteareas, Crecente, Gondomar, O Porriño, A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e Pazos de Borbén.
A zona centro acumula nas 41 últimas horas 19 actuacións en A Lama, Caldas, Bueu, Cuntis, Pontevedra, Vilanova, Soutomaior, Sanxenxo, Vilaboa ou Redondela centro. Apenas houbo dúas actuacións na zona Norte en Cerdedo e Silleda. 

Ademais das actuacións urxentes as brigadas tamén están atendendo, na medida do posible, os desperfectos que localizan nas rutas programadas. O obxectivo é, segundo sinalou o deputado de Mobilidade, "a pesares do mal tempo, garantir a maior seguranza viaria e evitar tanto a viandantes como a vehículos situacións de perigo". Ás intervencións provisionais e de urxencia uniranse nos vindeiros días outras obras de mellora.