ALERTA -nivel naranja- POR TEMPORAL DE NIEVE EN LAS PROVINCIAS DE LUGO Y OURENSE

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Vicepresidencia da Xunta, alerta dun temporal de neve de nivel laranxa, que afectará a partir de mañá, domingo, ás provincias de Lugo e Ourense.

Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este fenómeno adverso afectará ás zonas de montaña de ambas provincias, con rexistros de 25 centímetros; e á zona sur de Ourense, onde serán de ata 10 cm. A cota de neve estará sobre os 500/1000 metros.

Ante esta situación, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou da situación a todos os concellos afectados, bombeiros, Deputacións e servizos de Protección Civil provinciais, entre outros medios. 


Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción, tales como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.