11/2/16

A XUNTA PROMOVERÁ MÁIS CALIDADE LABORAL PRIORIZANDO A CONTRATACIÓN ESTABLE E A TEMPO COMPLETO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que o Goberno galego está a promover “máis calidade e igualdade laboral” para acadar que a recuperación económica que se está a producir en Galicia chegue “a todos os fogares a través do emprego”, e para que os traballadores e traballadoras recuperen o seu poder adquisitivo. 

O titular de Economía explicou que a Xunta traballa nunha folla de ruta, a nova Axenda de Emprego, que orienta as políticas en favor dunha maior inserción laboral priorizando a contratación estable e a tempo completo. “A inserción laboral é a mellor política social que un Goberno pode ofrecer  e, por iso, seguiremos adiante coas axudas para a contratación”, subliñou.

Así mesmo, sinalou que as medidas da nova Axenda están ao lado das empresas, dos autónomos e traballadores e traballadoras “para cimentar con eles un novo ciclo económico con máis cohesión social e territorial”. Deste xeito, Conde indicou que o Goberno galego está a apoiar os investimentos que xeran emprego e riqueza en Galicia “dando máis énfase ao crecemento das nosas empresas e ao feito de que ofrezan máis emprego e de maior calidade”, apuntou. Trátase, segundo explicou, dunha nova situación económica, tal e como o reflicten os principais indicadores que miden a actividade económica e o emprego. Neste senso, lembrou que Galicia pechou 2015 con 41.100 persoas desempregadas menos que hai un ano e cun 2% máis de afiliacións á Seguridade Social. 

Conde indicou, ademais, que a Consellería de Economía Emprego e Industria conta este ano cun 20 por cento máis de recursos destinados ás políticas de fomento empresarial e do emprego, sumando 445 millóns de euros. Do global, o departamento autonómico xa activou a principios de ano convocatorias de axudas por preto de 200 millóns de euros para apoiar con máis axilidade o fomento do emprego, os investimentos, a eficiencia enerxética, a innovación ou a internacionalización. “Temos un novo escenario no que as empresas que apostan por Galicia teñen a ocasión de volver a crecer e promover novas oportunidades de emprego”, resaltou.   

Por último, Conde salientou que a Axenda de Emprego únese á folla de ruta que o Goberno galego está a desenvolver en consenso cos axentes sociais e económicos a través da RIS3, a Estratexia de Internacionalización e a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0. 


En definitiva, o conselleiro rematou a súa intervención afirmando que Galicia está no “bo camiño” para que os galegos e as galegas teñan máis emprego a xornada completa e contratos indefinidos, e “máis calidade nas condicións do emprego”.