16/2/16

A XUNTA INVESTIU MÁIS DE 177 MILLÓNS DE EUROS NA ACUICULTURA, TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN E INVESTIMENTOS A BORDO DE BUQUES PESQUEIROS DESDE O ANO 2009

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, fixo balance esta tarde na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo das achegas realizadas polo seu departamento en materia de acuicultura, transformación e comercialización e investimentos a bordo de buques pesqueiros desde o ano 2009, ao abeiro do Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Neste sentido, Maneiro subliñou que no marco das axudas para a mellora da transformación e comercialización dos produtos pesqueiros, a Consellería do Mar tramitou 553 expedientes por un importe de máis de 130 millóns de euros, dos cales máis de 8,2 millóns foron para o sector depurador.

O director xeral tamén trasladou que no eido dos investimentos no ámbito da acuicultura se aprobaron 1.322 achegas por un importe de máis de 38 millóns de euros. Estas subvencións, destacou, foron parar nun 80% ao sector mitilicultor, que se beneficiou de máis de 30 millóns. Dentro deste total de achegas para o sector acuícola, salientou de xeito específico as 554 subvencións por importe de preto de 8 millóns de euros concedidas aos bateeiros afectados polos prolongados peches polas biotoxinas mariñas do ano 2013.

Ademais, incidiu nas subvencións materializadas en investimentos a bordo de buques pesqueiros para mellorar a seguridade e as condicións de traballo dentro das embarcacións. Neste caso, Juan Maneiro sinalou que desde o ano 2009 a Xunta concedeu 1.707 axudas por valor de máis de 9 millóns de euros.

Juan Maneiro avaliou estas cifras como unha “inxección importante” para o sector do mar e fixo especial fincapé en que máis do 85% do total destas axudas foron para o colectivo mitilicultor, o que amosa que “a aposta da Xunta polo mexillón é clara”. Nesta liña, reiterou que con estas achegas “búscase unha frota máis competitiva, segura e selectiva” e incidiu en que “á vista da evolución dos expedientes tramitados foise conseguindo ese obxectivo”.

Veda temporal do libre marisqueo en Arousa
En relación coa parada temporal da actividade marisqueira nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, trasladou que, dada a afección desta veda para a viabilidade dunha parte do sector que ten unha dependencia da explotación dos bancos dos Lombos do Ulla, Cabío e Bohído, acordouse a habilitación de medidas económicas e de conservación dos recursos para os armadores e tripulantes que faenan nestes bancos. Así, aclarou que para acceder ás axudas por esta veda temporal, os solicitantes teñen que ter acreditado a realización de 120 días de traballo nos dous anos previos á presentación da solicitude de subvención.


A directora xeral adiantou que ata o momento hai 451 embarcacións que entregaron o rol de despachos e que poderían optar ás subvencións, sempre que cumpran os requisitos. Ao tempo, subliñou que ata que remate a parada non se saberá con exactitude o número de solicitantes xa que é ao finalizar este período de veda cando se abre o prazo de presentación solicitudes, que será do 12 de marzo ao 11 de abril.