A XUNTA E A FUNDACIÓN ONCE POÑEN EN COMÚN AS INICIATIVAS DE INCLUSIÓN, FORMACIÓN E EMPREGO QUE DIRIXEN ÁS PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISUAL

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse esta tarde no seu despacho de San Caetano con responsables da Fundación ONCE, entre eles, o seu presidente executivo Alberto Durán. Este encontro serviu para coñecer de primeira man as actividades que dende a súa orixe fai case dez anos leva a cabo esta fundación así como para explicar as prioridades da Xunta de Galicia para este ano 2016 en materia de atención ás persoas con discapacidade.

Rey Varela destacou o traballo da Fundación ONCE no ámbito da inclusión social e os programas de formación e emprego. Ademais, o conselleiro explicou que a Xunta de Galicia e a ONCE comparten un obxectivo básico e fundamental como é o de sensibilizar, concienciar e informar á cidadanía sobre a importancia de conseguir, entre todos, a inclusión na sociedade das persoas con discapacidade visual.

Neste sentido cómpre tamén sinalar que o Goberno galego vén de aprobar  o pasado mes de novembro a Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, instrumento de planificación que a Xunta de Galicia pon ao servizo da comunidade para seguir avanzando na igualdade de oportunidades e na aceptación das diferenzas para un grupo de poboación heteroxéneo con necesidades e demandas diversas. A ONCE formou parte do equipo de traballo que elaborou esta estratexia.

Accesibilidade

Así mesmo, Rey Varela insistiu en que un dos eixes en que está a profundar o Goberno galego é no da procura da accesibilidade universal, e así queda tamén de manifesto na Estratexia sobre discapacidade que recolle unha liña de actuación específica con máis de 60 medidas. Na actualidade a Consellería de Política Social e outros departamentos da Xunta de Galicia está a manter reunións periódicas con membros do CERMI con gallo de desenvolver un plan de traballo. 

Ademais, a administración autonómica convocará este ano unha nova liña de axudas dirixidas aos concellos para a supresión de barreiras á que destinará entre este ano e o seguinte preto de 1 millón de euros procedentes de fondos europeos. Así mesmo, tamén está previsto complementar este programa con outra liña de acción destinada a facilitar produtos de apoio ás persoas con diferentes discapacidades e contribuír así á igualdade de oportunidades destas persoas.

Por outra banda, a ONCE, a través da súa fundación, é un dos socios membros do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI). Dentro da liña de mellorar a coordinación e colaboración coas entidades de ámbito social, a Xunta mellorou este ano o convenio de colaboración con esta agrupación de entidades aumentando a súa contía un 20% ata chegar aos 3,6 millóns de euros.

Unha década de traxectoria

A Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) crea a súa fundación no ano 2007 coa finalidade de procurar a cooperación e inclusión social das persoas con discapacidade. Esta entidade finánciase a través dunha porcentaxe da venda dos produtos de xogo da organización. A ONCE, xunto coa súa fundación e a súa Corporación Empresarial (CEOSA), xera máis de 115.000 empregos directos e indirectos en toda España.