16/2/16

A XUNTA DE GALICIA DEU RESPOSTA A TODOS OS SOLICITANTES DE AXUDAS EN MATERIA DE VIVENDA SOCIAL EN VIGO

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo informou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia sobre asuntos do seu departamento

A XUNTA DE GALICIA DEU RESPOSTA A TODOS OS SOLICITANTES DE AXUDAS EN MATERIA DE VIVENDA SOCIAL EN VIGO
  • A totalidade dos solicitantes foron realoxados no mesmo concello de Vigo
  • O director xeral considera unha oportunidade perdida de axudar aos cidadáns que o concello venda 15 vivendas da súa propiedade no canto de destinalas a alugueiro social
  • Asemade, destaca que a Xunta conta con dez medidas en vigor destinadas aos afectados por execucións hipotecarias ou impago do alugueiro

“Nos últimos anos a Xunta está a facer un importante esforzo en materia de vivenda para atender a aquelas persoas que por mor da crise económica se atopan nunha situación de vulnerabilidade, e dun xeito especial, para aquelas que perden a súa vivenda por imposibilidade de facer fronte ao pagamento das cotas hipotecarias ou das rendas mensuais no caso de arrendamento”. Así o manifestou hoxe o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia.

García Porto explicou que “para atender a estas familias que están en situación de dificultade, dende o Goberno galego reforzáronse os programas autonómicos, que están en plena aplicación”.

No caso de Vigo, o director xeral do IGVS indicou que “este organismo atendeu á totalidade das persoas que solicitaron algún tipo de axuda en materia de vivenda social sen contar para iso co apoio do Concello, necesario para conseguir unha mellora integral da situación dos solicitantes, que non so se enfronta a un problema de vivenda”. Engadiu que “o único apoio recibido foi os dos traballadores sociais municipais que emitiron os informes necesarios para que a Xunta de Galicia completase os trámites de adxudicación de vivendas aos solicitantes das mesmas”. 

O director sinalou que “todas os demandantes de axuda en materia de vivenda social no concello de Vigo obtiveron resposta positiva por parte da Xunta e os que necesitaron o realoxo en novas vivendas lles foron adxudicadas por parte do IGVS no mesmo concello de Vigo, empregando para iso todos os medios ao alcance da administración autonómica, entre os que se atopan as vivendas cedidas por Sareb e entidades financeiras”.

O director xeral do IGVS precisou que “algúns dos casos solucionados por este organismo foron postos no seu coñecemento por organizacións como Os Ninguéns e a PAH, cando o concello parecía ser coñecedor da situación dende moito tempo atrás”.

Tamén considerou que “o concello de Vigo perdía unha gran oportunidade de atender as necesidades dos seus cidadáns ao poñer á venda 15 vivendas integrantes do seu patrimonio municipal no canto de destinalas a alugueiros sociais, dado que poderían dar solución inmediata a moitas familias en risco de perder a súa vivenda”. 

Cómpre lembrar que a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, no seu artigo 61, aborda os servizos sociais mínimos garantidos polos concellos. 

Dez medidas
A Xunta de Galicia está a manter múltiples reunións con organizacións sen ánimo de lucro, asociacións e plataformas que apoian e axudan aos afectados para buscar a súa colaboración na difusión entre os afectados das dez medidas establecidas:

1. Lei 8/2012, de 29 de xuño, de Vivenda de Galicia, que estableceu medidas para evitar os desafiuzamentos nas vivendas de promoción publica e permitir a dación en pago nas vivendas protexidas.
2. Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, aprobado polo Consello da Xunta o 5 de decembro de 2012 e que segue en vigor. Ten por finalidade dar cobertura a todas as persoas que perdan a súa única vivenda nun procedemento de execución hipotecaria, soliciten a inclusión no programa e teñan uns ingresos ponderados inferiores a 2,5 veces o IPREM.
3. Convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a FEGAMP, asinado o 8 de abril de 2013, co obxecto de establecer un protocolo de actuación conxunta para detectar os casos de especial vulnerabilidade en procedementos de lanzamento de vivenda familiar e adoptar medidas de carácter social e de realoxo que evite os efectos da perda de vivenda.  
4. Programa Reconduce, posto en marcha o 3 de outubro de 2013, cun enfoque preventivo e coa finalidade de crear un marco de coordinación dos servizos das diferentes consellerías que se poñen a disposición para dar apoio ás persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento.
5. Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, aprobado polo Consello da Xunta o 12 de febreiro de 2015, que pretende facilitar o acceso á vivenda ás familias que máis o necesitan e que inclúe unha serie de medidas tendentes a reforzar o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias.
6. Convenio coa Sareb, asinado no marco do Plan RehaVIta o 17 d marzo de 2015, co obxecto de que o IGVS poda dispoñer de vivendas desta sociedade con destino a aluguer social para as persoas con maiores dificultades e de forma especial para os afectados por execucións hipotecarias.
7. Convenios de colaboración con varias entidades financeiras coa finalidade de solucionar as necesidades residenciais de persoas afectadas por execucións hipotecarias.  Os convenios asináronse con Abanca o 6 de xullo de 2015, Caixa Rural Galega o 7 de xullo, e Banco de Sabadell en setembro de 2015, e previsiblemente se adherirán máis entidades.
As entidades comprométense a non desaloxar vivendas sometidas a execución hipotecaria, permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer social e, por outra parte, ceden vivendas baleiras da súa propiedade para aluguer social.
8. Convenio co Valedor do Pobo para canalizar as posibles situacións de especial necesidade de vivenda de tal xeito que puideran ser avaliadas e, no seu caso, atendidas de forma inmediata polo IGVS
9. Bono de Aluguer Social, aprobado polo Consello da Xunta en agosto de 2015, que facilita apoio urxente, inmediato e puntual a familias que precisen dunha especial atención  pola perda da vivenda habitual en réxime de aluguer ante a imposibilidade de facer fronte ao pagamento da renda.
O Bono de Aluguer Social consiste nunha axuda de 150 euros mensuais durante doce meses, prorrogables por outros doce. E ademais, disporán tamén dunha axuda única de 450 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.
10. Censo de Vivendas Baleiras, que se implantará en 2016 e permitirá coñecer a situación real das vivendas baleiras en Galicia, propiedade de entidades financeiras e da SAREB, co obxecto de poder deseñar as oportunas políticas públicas orientadas á ocupación das mesmas.