A XUNTA COMEZA O DESPREGUE  NOS CONSORCIOS DE BOMBEIROS DA REDE DE COMUNICACIÓNS TETRA COA ENTREGA DE 70 TERMINAIS AOS PARQUES DE PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, vén de comezar o despregue nos Consorcios de Bombeiros, da rede de comunicacións Tetra, un sistema que permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias. 
Durante esta semana  a Xunta de Galicia está procedendo a instalar e montar os terminais de comunicacións Tetra  nos distintos parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento (Vilagarcía, Ribadumia, Porriño e Bueu) e do Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes (Silleda).

El total a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Emerxencias cedeu gratuitamente 56 terminais de comunicación Tetra ao Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento e 14 terminais ao Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun custo total entre os 70 terminais fixos móbiles e portátiles de 62.820 euros.

Precisamente hoxe pola mañá tivo lugar na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia unha sesión formativa con xefes dos distintos parques de bombeiros implicados, co obxectivo de implantar o correcto uso destes equipos de comunicacións nos mencionados servizos.

O estándar Tetra
A Xunta de Galicia conta cunha rede de telecomunicacións propia con estándar Tetra para xestionar todas as comunicacións dos corpos de emerxencia e seguridade. Esta rede permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias integrados na rede: bombeiros, policía, urxencias sanitarias,  112, GES, Protección Civil ou Incendios Forestais.

 A Rede da Xunta emprega a tecnoloxía Tetra, a máis punteira para este tipo de redes de seguridade pública e que se caracteriza pola súa probada fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación (accidentes, desastres naturais, grandes aglomeracións de persoas, por exemplo).

Esta rede ponse a disposición de distintos organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias, así como un aforro efectivo no gasto en teléfonos móbiles e sistemas locais.

Os corpos de emerxencia e seguridade xa integrados na rede son: Axencia Galega de Emerxencias, Policía Autonómica UPA, 112 – Emerxencias Galicia, Servizo Defensa Contra Incendios Forestais, Urxencias Sanitarias – 061.