24/2/16

A XUNTA ACTIVARÁ UN PLAN DE EMPREGO EN IGUALDADE PARA MELLORAR AS OPORTUNIDADES LABORAIS DAS MULLERES

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, interveu hoxe no Parlamento, onde avanzou que a Axenda de Emprego que ultima o Goberno galego incluirá un Plan de emprego en igualdade, enmarcado na aposta da Xunta por prestar unha atención especial aos colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, mellorando a empregabilidade das mulleres. 

No compromiso da Administración autonómica polas persoas máis desfavorecidas para atopar un emprego, Conde engadiu que a Consellería de Economía xa está a investir preto de 14 millóns de euros para mellorar a empregabilidade dos desempregados de longa duración con cargas familiares e que non perciben ningún tipo de prestación.  

Conde destacou, así mesmo, que a Axenda promoverá a creación de máis postos de traballo con maior calidade e estabilidade na contratación. Explicou, ao respecto, que o importante é que estas medidas repercutan no benestar dos nosos traballadores e traballadoras e tamén na produtividade das empresas, porque “só se ambos beneficios van unidos, serán duradeiros no tempo”, subliñou. 

Por iso, explicou que a Axenda de Emprego apoia e completa o cambio cara o novo modelo produtivo de Galicia baseado no coñecemento e que, polo tanto, a súa principal finalidade é traballar coas persoas para mellorar as súas competencias, en liña coas requiridas no novo contexto da Industria 4.0 e de especialización intelixente.  

O titular de Economía apuntou, así mesmo, que o Goberno galego, que este ano inviste un 20 por cento máis de recursos ao fomento empresarial e do emprego, segue a traballar para facilitar unha maior inserción laboral das persoas desempregadas, mellorando a calidade e eficacia dos servizos, e para continuar coas axudas para a contratación, primando o emprego estable e a tempo completo. 

Neste senso, engadiu que a Administración autonómica está a traballar con sindicatos e empresarios para que se incorporen na negociación colectiva medidas que permitan ás empresas medrar e crear emprego de calidade.Estas medidas sumaranse ao traballo da Inspección Laboral que este ano porá o foco na vixilancia das contratacións con 1.500 actuacións programadas. 

Por último, o conselleiro resaltou que a Axenda de Emprego será acorde co actual escenario de crecemento económico, sinalando que as estatísticas oficias confirman unha mellora dos principais indicadores que miden o emprego, tamén nos relativos a súa calidade. Neste senso, lembrou que en 2015 tivo un maior incremento dos contratos a xornada completa que os de tempo parcial e que os asalariados con contrato indefinido tamén melloraron en Galicia representando un 74,5 por cento do total. “Estes datos confirman que entre todos, traballadores, empresarios e poderes públicos estamos a facer un gran esforzo por seguir no camiño da recuperación económica”, afirmou. 

En definitiva, o titular de Economía salientou que a Xunta está a loitar para que “Galicia conte con máis contratación indefinida, a tempo completo e cunha mellora dos salarios e das condicións de traballo e unha maior igualdade entre homes e mulleres”.