A PRAZA DE ABASTOS DE BUEU ACOLLE A PRÓXIMA FIN DE SEMANA O MERCADO TEMÁTICO DE ENTROIDO

O venres 12 e o sábado 13, a Praza de Abastos de Bueu acolle o primeiro mercado temático deste 2016: o mercado de Entroido, que incluirá obradoiros, degustacións, expositores, contacontos e charlas para todos os públicos, e que estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20.30 horas o venres, e de 10 a 14 horas o sábado.
Durante estes dous días, os asistentes poderán mercar produtos típicos do outono da man de oito expositores: A Bicha Panadería, Bodegas Lodeiros, A tenda da Gata, A despensa na terra, A Jata Pelexa Horta Eco, A Horta de Teodoro, Doces de Entroido e Obrador de Lamprea. 
As actividades comezarán o venres ás 17.30 horas cun obradoiro/degustación infantil de chulas de bufeta, impartido polas praceiras Ángeles e Fita, e no que poderán participar ata 15 nenos e nenas de 5 anos en diante. Ás 19 horas o grupo “Polo correo do vento” será o encargado da sesión de contacontos infantil. Pola súa banda, o sábado ás 12 horas terá lugar a actividade estrela do mercado: un showcooking/degustación de cocido galego e sesión vermú da man de A Tenda de Gata e Bodegas Lodeiros. 

Este mercado, ao igual que os restantes que se van organizar por parte da Concellería de Promoción Económica e Turismo ao longo deste ano, está subvencionado polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. 

OBRADOIROS DE ENTROIDO E FESTAS INFANTÍS 
PARA ESTA SEMANA NA PRAZA MASSÓ
Desde hoxe, 8 de febreiro, e ata o mércores 10 de febreiro, o Concello de Bueu, en colaboración do Club Golfiños e o supermercado Gadis, organiza os Obradoiros e festas infantís de Entroido, para poñer o inicio ao Entroido de Bueu que se estende ata o 19 de febreiro.
Así, de 11 a 13 de hoxe celebrouse un obradoiro sobre artes escénicas, pintacaras e xogos de animación, e de 17 a 10 horas será a Festa de Entroido, con obradoiros de ritmo e movemento, Cantabaila e xogos de animación, na carpa situada na Praza Massó.
Mañá martes, será a quenda do obradoiro de elaboración de rosquillas, elaboración de máscaras e xogos e animación. E de 17 a 20 horas, a Festa infantil do Entroido estará amenizada polo obradoiro de elaboración e filloas e orellas, a actuación de Cantabaila e do grupo de baile de Sara Estévez e A Procura do Tesouro. 
E o mércores, os obradoiros serán de repostería de Entroido, xincanas e xogos de animación. Ás 17 horas será o Enterriño da Sardiña, queima e entrega de premios, e de 18 a 20 horas a festa infantil, con obradoiro de repostería, pintacaras, e xogos de animación.
Todas as actividades se desenvolverán na carpa da Praza Massó.