A cinta gañadora do Premio do Público no FICBUEU 2015 faise co Goya á mellor curta



Un fotograma del film
O director de ‘El corredor’ dedícalle o galardón “a todos os festivais que nos apoiaron e que son tan importantes”
A cinta ‘El corredor’, galardoada co Premio do Público na última edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, gañou esta fin de semana o Goya á mellor curtametraxe de ficción que outorga a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas. O director da obra, José Luis Montesinos, dedicoulle o recoñecemento a todo o equipo, pero tamén “aos festivais que nos apoiaron nesta carreira e que son tan importantes para o mundo da curtametraxe”, como é o FICBUEU.
‘El corredor’ narra o encontro entre unha persoa que sae a correr e un empregado ao que despedira uns anos atrás, canda outros 300 traballadores. Montesinos xa gañara tamén o Premio do Público no 3º do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu por ‘La historia de siempre’, que se desenvolve no interior dun autobús onde un home mantén unha conversa telefónica que ten en vilo a todos os pasaxeiros.
O realizador catalán enviara ao FICBUEU 2015 un vídeo de agradecemento no que desculpaba a súa ausencia pola súa recente paternidade e afirmaba que o galardón “nos axuda a seguir correndo aínda con máis ganas”. Ademais, dedicáballe o premio “ás persoas que se reinventan día a día para buscar unha segunda oportunidade para seguir vivindo”.

As obras proxectadas na oitava edición do festival aínda poderían seguir colleitando recoñecementos nas vindeiras semanas, xa que a coprodución austro-alemá ‘Alles wird gut’ (‘Todo irá ben’), é unha das cinco curtametraxes nominadas aos Oscar. O filme de Patrick Vollrath recibira en Bueu o premio á mellor actriz e resultara ademais o favorito do público na xornada inaugural. O 28 de febreiro sairemos de dúbidas.