A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE SAN ROQUE TRANSMITIU AO DELEGADO DA XUNTA EN VIGO O APOIO A IDEA DO TRASLADO DA CIDADE DA XUSTIZA Á TORRE DO XERAL

O delegado da Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá una reunión co presidente  da AAVV. San Roque,  Manuel Sa e o vicepresidente, Manuel Rodríguez, para  falar da proposta feita pola Xunta de Galicia nos últimos días de trasladar as dependencias xudiciais dende a súa situación actual na rúa Lalín ata á torre do Xeral na rúa Pizarro.

Se onte a reunión foi cos comerciantes, que mostraron o seu total apoio á idea, hoxe foron os representantes dos veciños da zona os que tamén manifestaron estar implicados no proxecto.

Ignacio López-Chaves fixo balance do proceso de reunións levado a cabo ata o momento, onde se expuxo aos distintos colectivos, entidades, asociacións e veciños a intención da Xunta de Galicia de conseguir a mellor situación posible para as novas dependencias xudiciais e o mesmo tempo ocupar un edificio como o Xeral, emblema urbanístico da cidade.


En todo momento, o delegado da Xunta deixou claro que ademais da aceptación e o apoio por parte de todas as persoas que foron chamadas a estas xuntanzas en representación dos seus colectivos, haberá que esperar as negociacións pendentes coa Seguridade Social e co Alcalde de Vigo, reunión prevista esta última para o próximo xoves.