Consellería do Mar regula por primeira vez a explotación dos recursos específicos en conxunto no litoral galego

  

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde que rexerá os plans de xestión e as habilitacións necesarias para a explotación de especies coma o percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anémonas e poliquetos. Ata a actualidade só estaba regulada de xeito específico a extracción de percebe e de poliquetos, de aí a necesidade de elaborar unha norma que recolla todos os recursos específicos.

As novidades que presenta o texto teñen que ver coa obtención de habilitacións para a extracción destes recursos, coa renovación das xa existentes e cos plan de xestión destas especies. Así, en relación coa obtención de novas habilitacións, a norma recolle o proceso selectivo para a obtención dos permisos para a súa extracción.

A Orde tamén establece os aspectos que hai que cumprir para renovar as habilitacións xa existentes. Así, no caso da renovación dos permisos para o marisqueo a pé para recursos específicos, requírese acreditar un 70% da actividade extractiva, un 95% dos traballos de semicultivo e vixilancia (se así o recolle o plan de xestión) e cumprir as prescricións que figuren no plan. 

Para a renovación destes permex de marisqueo desde embarcación requirirase ter acreditada unha porcentaxe de actividade -dependendo do número de modalidades de recursos específicos dos que dispoña a embarcación-, ter feito o 95% dos días de traballos de semicultivo e vixilancia (se así o recolle o plan de xestión), cumprir as prescricións que figuren no plan e ter exercido unha actividade para manter o número de cotas de captura ás que pode ter dereito a embarcación. A obrigatoriedade de acreditar unha actividade mínima para renovar as habilitacións e manter as cotas ten por obxecto evitar que se infrautilicen os permisos ou cotas outorgadas ás embarcacións e, polo tanto, promover a incorporación de persoas ao sector.

Plans de xestión
A Orde tamén  regula o contido mínimo dos plans de xestión, o proceso de elaboración e aprobación e o seu desenvolvemento. Nesta liña, a norma establece que os plans de xestión presentados polas entidades deberán recoller as accións formativas realizadas polos colectivos para unha mellor xestión e conservación dos recursos específicos, as medidas para minorar o impacto ambiental da actividade marisqueira e a protección da biodiversidade. Tamén se establece que o prazo de presentación dos plans será ata o 30 de setembro de cada ano.


Con esta regulamentación, contribuirase á explotación sustentable dos recursos específicos existentes, tendo en conta sempre aspectos socioeconómicos e atendendo á profesionalización do sector e ao fortalecemento das agrupacións sectoriais. O texto foi consultado co sector mediante dúas xornadas de traballo nas que persoal da Consellería do Mar informou aos mariscadores do seu contido.