Carmela Silva propone en FITUR una oferta original : 42 obras de arquitectura contemporánea en una ruta por la provincia

CARMELA SILVA PRESENTA EN FITUR UNHA RUTA DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA COMO UNHA NOVA OFERTA TURÍSTICA 

A presidenta da Deputación destaca 42 obras arquitectónicas emprazadas en  “lugares extraordinarios" que achegan modernidade e compromiso de futuro 


A presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo (FITUR) unha ruta de arquitectura contemporánea en toda a provincia como unha nova oferta turística. Dentro das  actividades que o destino "Rías Baixas" realiza en Madrid, no entorno de FITUR, localizouse esta presentación na que Carmela Silva destacou as 42 obras arquitectónicas contemporáneas que "achegan modernidade e compromiso de futuro da provincia de Pontevedra".
En palabras da presidenta da Deputación, as "Rías Baixas" son un destino que oferta unha inxente cantidade de recursos turísticos "cunha cultura, patrimonio, gastronomía, ou importantes recursos naturais que todo o mundo coñece e agora queremos profundar en seguir desenvolvendo as nosas extraordinarias potencialidades".
A presentación, que contou como mestra de cerimonias coa participación da actriz viguesa María Castro, tamén permitiu o visionado de dous vídeos sobre as obras seleccionadas e as explicacións do decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, sobre o proceso de selección das obras. O acto, que comezou ás doce do mediodía na caseta de Turgalicia en Fitur, contou coa presenza de varios alcaldes da provincia coma os de Sanxenxo, Vilagarcía, Vigo ou  Nigrán, entre outros. 
Estas 42 obras, compostas por espazos públicos, edificios privados e públicos, vivendas, piscinas ou museos, foron seleccionados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), e, a xuízo de Carmela Silva, representan, "a pesar da súa contemporaneidade, a historia desta provincia e seguen sendo testemuñas da evolución nos nosos tempos".
A presidenta, que se definiu como unha "namorada da provincia de Pontevedra", destacou que "temos a sorte de vivir nun territorio extraordinario con enclaves marabillosos e a nosa arquitectura contemporánea recibiu innumerables premios nacionais e internacionais por saber respectar a súa integración no medio natural e respectar ao máximo  a nosa tradición e historia".
Na súa alocución Silva animou a "todos e a todas a visitar a provincia de Pontevedra. A visitar esta ruta con estes edificios, que son máxicos, que apaixonan e emocionan. Que cando os percorremos e visitamos, a través deles descubrimos uns espazos inigualables que son un atractivo máis para lograr que se namoren desta provincia e sempre queiran volver".
Para os arquitectos e as arquitectas que desenvolven os seus proxectos na provincia a presidenta da Deputación tamén tivo palabras de agradecemento, polo seu compromiso en crear espazos inmersos na modernidade e o respecto á historia. "Polo seu espírito creativo, 
-puxo Carmela Silva como exemplo-, nunhas vivendas que son tres cascos de barco investidos que asoman á ría en Vilariño; polo seu respecto á paisaxe convertendo as súas obras en magníficos miradoiros sobre as rías e as illas atlánticas, coma o Museo do Mar de Vigo; por configurar a súa obra como un escaparate da cultura marítima, nos departamentos de pescadores de Cangas; por facer nexos de unión entre o pasado e o futuro; no castro tecnolóxico de Lalín ou a fortaleza de Goián; pola integración na orografía do terreo en todas e cada unha das obras do Campus de Vigo ou no parque arqueolóxico de Campo Lameiro; por albergar as salas do Museo de Pontevedra a modo de cofres que gardan un tesouro; por saber combinar modernidade, simplicidade e austeridade sen esquecer a reconstrución histórica; e por saber moldear edificios polo vento fronte á forza do mar".

"Convidámolos -concluíu a presidenta da Deputación- a que coñezan o noso pasado, o noso presente e o noso futuro. Hoxe con esta presentación damos un paso máis. Queremos que saiban que seguimos adiante creando espazos para o goce das persoas. A arquitectura contemporánea do destino Rías Baixas é un novo aliciente para vir visitarnos".