Autónomos e microempresas da provincia de Pontevedra teñen agora a ocasión de entrar de cheo no comercio online - morrazo tribuna

Random Posts

test

Post Top Ad

5/11/14

Autónomos e microempresas da provincia de Pontevedra teñen agora a ocasión de entrar de cheo no comercio online

PONTEVEDRA .- Os máis de 64.000 autónomos e microempresas da provincia de Pontevedra teñen agora a ocasión de entrar de cheo no comercio online por medio da plataforma ponteacomprar.com. Un servizo impulsado pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de promover a modernización do tecido produtivo da provincia e, en especial, dos autónomos e microempresas.
A finalidade é crear un Centro Provincial de Comercio Virtual que permita comercializar en liña, e baixo unha plataforma única, os produtos propios da provincia de Pontevedra, con especial atención a sectores estratéxicos como alimentación, restauración, turismo, lecer, hostalería e cultura.
A plataforma incluirá un apartado específico dedicado á comarca do Deza, no que terán presenza as empresas agroalimentarias, de hostalería e de restauración desta comarca.
As empresas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán adherirse ao servizo desde hoxe mesmo e en calquera momento. Para poder sumarse a esta plataforma será preciso ter o domicilio social e realizar a súa actividade principal na provincia de Pontevedra e ter a condición de microempresa (con 5 ou menos traballadores ou un balance xeral anual inferior aos 2 millóns de euros), que representan o 92% do tecido empresarial da provincia. 
A maiores, tamén se poderán adherir as denominadas “empresas tractoras”, que son unha referencia a nivel de produto e calidade e que, coa súa presenza na plataforma, poden atraer máis empresas e clientes ao Centro de Comercio Virtual. Estas empresas deberán ter, así mesmo, domicilio social e actividade na provincia.
Finalmente, as empresas que se sumen ao apartado específico do Deza poderán facelo independentemente do seu volume de negocio e número de traballadores.
Operador loxístico e bancario
Para acadar o perfecto funcionamento desta plataforma, o Centro de Comercio Virtual terá que contar cun servizo loxístico e cun operador financeiro que permitan, por unha banda, un bo funcionamento dos servizos de recollida e subministración dos produtos adquiridos on-line e, pola outra unha Terminal de Punto de Venda Virtual que facilite e dea maiores garantías de seguridade ao pagamento telemático.
Con esta finalidade, a Administración Provincial publicou as bases que regularán a selección do citado operador loxístico e da entidade financeira que servirá de plataforma para o pagamento telemático.
Así, as entidades financeiras teñen de prazo ata o 14 de novembro para presentar as súas ofertas, mentres que no caso das empresas loxísticas o prazo para a presentación de propostas remata o día 18.
Asesoramento e apoio
As empresas que decidan adherirse a este Centro de Comercio Virtual non só contarán co apoio da Deputación á hora de integrarse na plataforma, senón que tamén disporá dun servizo de monitorización para que poidan facer un uso correcto da plataforma e achegaralle asesoramento para a mellor comercialización dos seus produtos.
Ademais, a través das diferentes oficinas do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0), estanse a desenvolver sesións informativas para asesorar a autónomos e microempresas sobre o funcionamento e vantaxes do Centro de Comercio Virtual.
Así, ao longo do mes de novembro desenvolveranse 22 xornadas nos CPAE de Pontevedra, Lalín, Cambados, Vigo, Ponteareas e O Porriño.
Nelas, os asistentes poderán coñecer o Centro de Comercio Virtual da provincia de Pontevedra, os requisitos para participar nel, os obxectivos da iniciativa e os produtos e servizos que se poderán comercializar, así como o funcionamento da plataforma e os beneficios da adhesión a ela.
Na xornada de hoxe desenvolveranse xa dúas actividades en Ponteareas e O Porriño.
Mañá desenvolveranse en Vigo (13:00 horas) e en Pontevedra (17:00); e o día 6, xoves, en Cambados (13:00  h.) e Lalín (19:00 h.).
Na vindeira semana haberá outras 5 sesións. O día 11 en Ponteareas (13:00 h.) e O Porriño (19:00 h.); o 12 en Vigo (13,00 h) e o 13 en Cambados (13,00 h.) e Lalín (19,00 h.).


+ popular


ediciones periódicas impresas

The Relaxation Time

Post Bottom Ad