A vendima de 2014, cos datos finais aínda por pechar, vai ser en cantidade a correspondente a un ano medio - morrazo tribuna

Random Posts

test

Post Top Ad

10/10/14

A vendima de 2014, cos datos finais aínda por pechar, vai ser en cantidade a correspondente a un ano medio

COMPOSTELA .- A vendima de 2014, cos datos finais aínda por pechar, vai ser en cantidade a correspondente a un ano medio, de xeito que “non estaremos lonxe dos 60 millóns de quilos de uva recollidos”. Así o sinalou esta mañá o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.
Fernández-Couto indicou ademais que a calidade da uva é en xeral boa ou moi boa, malia as importantes dificultades meteorolóxicas que houbo no período vexetativo e mesmo no momento final da vendima, nas comarcas das Rías Baixas.
O secretario xeral destacou a sinatura dos acordos nos sector nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro e a posterior homologación dos correspondentes contratos-tipo para as campañas 2013, 14 e 15. 

Fernández-Couto dixo que isto foi posible como froito do intenso traballo do propio sector coa axuda da Xunta, que se fixo efectiva a través de tres vías fundamentalmente. Por un lado, o feito de ter priorizado os expedientes das empresas acollidas a contratos homologados nas liñas de axuda ás industrias agrarias. Por outro, a intensa actuación desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e do Mar para propiciar acordos nos distintos sectores, convocando ás partes a diferentes reunións e presidindo e ordenando os debates. Tamén, polo feito de ter comunicado nestes encontros os traballos que se estaban a realizar, en colaboración co Igape, para crear unha liña de apoio financeiro a 3 anos para facilitar o crédito para a compra de uva ás adegas, que finalmente se aprobou con data de 21 de outubro de 2013.

Por último, o secretario xeral do Medio Rural e Montes defendeu que tanto as axudas para promoción do sector como as destinadas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo repercuten de xeito positivo nos prezos percibidos polos viticultores, xa que contribúen a dar saída á produción e a aumentar a súa calidade e singularidade.

Sanción
Por outra banda, Tomás Fernández-Couto aclarou que por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar non se ten recibido notificación oficial por parte do Concello de Santiago da imposición dunha sanción a un gandeiro polos excrementos das súas vacas nas rúas da aldea de Enfesta, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión.

O secretario xeral puntualizou que este tema é competencia exclusiva municipal e unicamente o instrutor do expediente é o que ten que aplicar a normativa adecuada ao caso, nesta ocasión as ordenanzas municipais, entre outras. Engadiu que “como en calquera outra actividade se deben respectar as normas e lexislación que exista sobre unha materia concreta, e cando nas proximidades da súa explotación existan vivendas as explotacións deberán ser coidadosas no respecto aos dereitos dos demais”. 

Por último, o secretario xeral manifestou que a Xunta está sempre disposta a mediar ou interceder en calquera problema que xurda cun agricultor ou gandeiro para intentar buscar a mellor solución posible a un problema que lle afecte e intentando chegar ao mellor entendemento posible entre os afectados.

Axudas a incorporación de mozos
Por outra parte, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, indicou, en resposta a unha pregunta sobre este tema, que un total de 264 mozos beneficiáronse este ano das axudas para a súa incorporación á actividade agraria, cun importe de axuda aprobado total de 5,5 millóns de euros. 

Tamén informou de que se aprobaron un total de 108 solicitudes de axuda para plans de mellora das explotacións, por importe total de 4,9 millóns de euros. Neste caso foi preciso aplicar o baremo establecido na orde de convocatoria, xa que o investimento solicitado –e polo tanto a axuda a conceder– era moi superior ao crédito orzamentario dispoñible. A directora xeral explicou os criterios utilizados para priorizar estas axudas, sempre de acordo co establecido na orde de convocatoria, publicada xa o 22 de xaneiro deste ano no Diario Oficial de Galicia (DOG).


+ popular


ediciones periódicas impresas

The Relaxation Time

Post Bottom Ad