2015 : a Xunta incrementará un 17 por cento a partida para apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero - morrazo tribuna

Random Posts

test

Post Top Ad

21/10/14

2015 : a Xunta incrementará un 17 por cento a partida para apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero

COMPOSTELA .- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou en Santiago o Curso para o Voluntariado en Violencia de Xénero, onde anunciou que nos orzamentos para o vindeiro 2015 a Xunta incrementará un 17 por cento a partida para apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Rueda estivo acompañado da secretaria xeral para a Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, que tamén se achegaron ao Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, lugar onde se impartirá o curso durante os vindeiros días.

O número dous da Xunta insistiu en que para loitar contra a lacra da violencia de xénero é precisa a implicación de todos, desde as administracións públicas ás empresas, os medios de comunicación e a cidadanía en xeral. De aí que enxalzara o labor encomiable dos voluntarios, que se involucran ao máximo nesta tarefa para proporcionar unha atención e recuperación integral ás vítimas.

Pola súa banda, o Goberno galego traballa sen descanso para mellorar a situación das mulleres maltratadas e avanzar na erradicación da violencia de xénero.  Con ese obxectivo a mediados deste ano púxose en marcha o CRI, sede do curso; un centro punteiro a nivel nacional que traballa pola recuperación das vítimas a todos os niveis.

Ademais, a Xunta continúa a apoiar os CIMs espallados por toda Galicia, colabora na promoción da Igualdade nos concellos -con máis de 3,4 millóns de euros en axudas-, fomenta a conciliación e ano tras ano a blinda o crédito para axudas ás mulleres maltratadas, unhas axudas que noutras comunidades se retiraron por falta de presuposto.

Voluntariado en Violencia de Xénero
O curso está organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado e conta con 15 alumnas e alumnos e unha duración de 25 horas repartidas ao longo desta semana e a que vén. As clases serán de luns a venres, en horario de mañá –de 10,30 a 13,00 horas- e estarán repartidas en nove bloques diferentes. 

Os primeiros módulos abordarán que é a violencia de xénero, as consecuencias psicolóxicas das vítimas; o recoñecemento de sinais de impacto persoal en menores; técnicas de habilidades comunicativas e sociais; e estratexias de motivación e control das emocións.

Ademais, tamén haberá módulos destinados a coñecer os dereitos das mulleres que sofren violencia de xénero -con especial atención aos recursos á súa disposición-; pautas de actuación do persoal voluntario; técnicas de autocoidado; e cómo colaborar como persoal voluntario co CRI, que exerce como centro coordinador.

Colaborando desde 2012
A finais do ano 2012 Igualdade e Xuventude puxeron en marcha un programa de voluntariado específico para apoiar e acompañar ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, programa que parte da necesidade da implicación de toda a sociedade na loita contra a lacra que supón violencia de xénero. Ata a actualidade, realizáronse catro edicións do curso básico en liña nas que participaron 3.137 alumnas e alumnos. 

En 2013 levouse a cabo a segunda fase da formación, ofrecendo un curso máis especializado no Centro de Emerxencia para Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo, CEMVI. O obxectivo desta actividade era poñer a disposición do CEMVI unha bolsa de voluntarios e voluntarias que puidesen colaborar cos e cas profesionais da institución para darlle unha atención máis integral e máis individualizada ás usuarias do Centro.

Guía para o voluntariado
Tamén en 2013 a Xunta editou a “Guía para o voluntariado de violencia de xénero” que se distribúe entre os voluntarios e voluntarias que participan nas actuacións formativas co obxectivo de apoiar a súa acción voluntaria e reforzar a súa implicación en contra da lacra social que supón a violencia contra as mulleres.

A Guía explica e informa aspectos como “Que é ser voluntario/a?”, “Que é a violencia de xénero?”,”Tipificación da violencia de xénero”, “A escalada e o ciclo da violencia de xénero”, “Consecuencias da violencia de xénero nas mulleres e nas súas fillas e fillos”, “Mitos e realidades sobre a violencia de xénero”,”Indicadores para a detección dos malos tratos”, “Labor da persoa voluntaria en violencia de xénero” e “Recursos para as vítimas de violencia de xénero e os seus dereitos”.



+ popular


ediciones periódicas impresas

The Relaxation Time

Post Bottom Ad