Rexistro de Parellas de Feito de Galicia : xa son 3.045 as parellas inscritas - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

30/1/10

Rexistro de Parellas de Feito de Galicia : xa son 3.045 as parellas inscritas

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- Dous anos despois da entrada en funcionamento do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, xa son 3.045 as parellas inscritas neste ente adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Segundo os datos ofrecidos polas catro delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, desde que este servizo comezou a funcionar, o 28 de xaneiro de 2008, o maior número de inscritos deuse na provincia da Coruña, con 1.301 inscritos; seguida de Pontevedra (1.130), Ourense (391) E Lugo (233). A inscrición das parellas é totalmente gratuíta, voluntaria e ten carácter constitutivo.


O decreto polo que se crea e regula o Rexistro considera parellas de feito “as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces e que convivan coa vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus afectos aos do matrimonio”, tal e como se establece na Lei de Dereito Civil de Galicia.

Desta maneira, a constitución da parella de feito só se entenderá efectuada a partir da súa inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e os rexistros municipais deben comunicarlle as inscricións, as cancelacións e as modificacións, previo consentimento dos integrantes da parella.

Polo tanto, o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia ten un funcionamento descentralizado que se xestiona a través das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia -ao cargo de funcionarios do grupo A, licenciados en Dereito e pertencentes á Administración autonómica- para configurarse, xuridicamente, como un rexistro único. Ademais, a Dirección Xeral de Xustiza ten as funcións de coordinación, información e aprobación das directrices comúns sobre o procedemento de inscrición e xestión do mesmo.

En definitiva, neste Rexistro poden inscribirse as declaracións de constitución, modificación e extinción das parellas de feito. Tamén son inscritibles os pactos que os membros da parella consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas trala extinción da mesma, sempre que se cingan ás leis e que non sexan limitativos da igualdade de dereitos de cada convivinte ou os prexudiquen gravemente.

Funcións do Rexistro
O Rexistro de Parellas de Feito de Galicia encargase da tramitación e resolución  das solicitudes de inscrición e tamén da anotación e cancelación das mesmas. Así mesmo, certifica e publicita os datos que consten no Rexistro sobre solicitudes, inscricións, cancelacións, existencia e contido dos pactos, modificacións destes, acreditacións documentais e calquera outra comprendida no expediente administrativo. A publicidade do Rexistro queda limitada á expedición de certificacións dos seus asentos por instancia de calquera dos membros da unión, de quen acredite interese lexítimo ou por instancia dos órganos xudiciais e sempre nos termos previstos pola lexislación en materia de protección de datos.

Ademais, emitirá informes técnicos e estatísticos cando lles sexan requiridos polos xulgados, polos tribunais, polo Parlamento ou por outros organismos públicos. O Rexistro tamén redactará a súa memoria anual e será responsable do arquivo e da custodia dos documentos depositados nel en calquera dos soportes utilizados.

Requisitos para a inscrición
Para inscribirse como parella de feito é necesario realizar a solicitude e presentar, nese intre, a documentación acreditativa do cumprimento dos seguintes requisitos: ser maior de idade, non ter relación de parentesco por consanguinidade ou adopción nin en liña recta nin colateralmente ata o terceiro grao, manifestar a vontade de constitución de parella de feito, non estar ligados por matrimonio nin formar parella de feito formalizada con outra persoa, non estar incapacitados xudicialmente para rexer a súa persoa, que un dos membros da parella teña a veciñanza civil galega e acreditar o empadroamento dos membros no mesmo domicilio dalgún municipio galego. 

Polo tanto, a solicitude debe ir acompañada pola fotocopia compulsada do DNI ou do documento equivalente –no caso de non ter nacionalidade española- de cada un dos membros da parella de feito, polo certificado de empadroamento dos membros nalgún municipio galego, pola certificación do Rexistro civil ou equivalente sobre o estado civil de cada un e pola fotocopia compulsada do libro de familia nos casos nos que houbese fillos comúns ou dalgún dos membros da parella. Ademais, de ser o caso, hai que presentar a sentenza xudicial de divorcio ou de nulidade ou o certificado literal de matrimonio no que conste algún destes extremos.

A inscrición resolverase –practicarase ou denegarase- no prazo de tres meses a partir da data de entrada da mesma no Rexistro. As solicitudes de inscrición, cancelación, incorporación ou modificación de pacto e de certificación que se formulen ante o Rexistro deberán reunir os requisitos xerais do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Calquera destas solicitudes presentaranse ante a delegación provincial da Consellería de Presidencia que se corresponda co domicilio da parella de feito. Tamén se poden formular nos demais lugares que establece a Lei 30/1992, pero os trámites e os efectos de inscrición só se producirían respecto da documentación que tivese entrada efectiva no Rexistro de Parellas de Feito e dende a data de acceso a este. 

Cancelación e modificación
A cancelación da inscrición como parella de feito poderá ser solicitada por escrito de forma conxunta ou individualmente. Neste último suposto deberá acreditarse a comunicación fidedigna á outra parte. Unha parella de feito quedará extinguida cando faleza un dos compoñentes ou cando os membros contraian matrimonio.

Con posterioridade á inscrición poderá solicitarse tamén a incorporación de pacto no caso de que non se teña realizado e tamén a modificación deste pacto. Neste caso deberá presentarse a escritura pública que conteña a regulación das relacións económicas e patrimoniais.

Post Bottom Ad

Responsive Ads Here