Prsentan en Vigo as xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas” - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

28/1/10

Prsentan en Vigo as xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas”

/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- .- As concelleiras de Benestar Social, María Méndez, e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentaron este xoves as xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas”, que se desenvolverán os días 2, 9 e 23 de febreiro e o 2 de marzo no auditorio da rúa Areal de 17 a 20 horas. As concelleiras nacionalistas salientaron que o obxectivo desta iniciativa é coñecer a realidade lingüística de Vigo e Galiza e artellar camiños para a integración das persoas inmigrantes na nosa cidade.


María Méndez explicou que as xornadas se enmarcan no programa “En galego tamén noutros mundos”, que se desenvolve dende o segundo trimestre de 2009 e ata xuño de 2010. A concelleira de Benestar Social sinalou que a integración das persoas que veñen doutros lugares é tamén o obxectivo do I Plan de Integración de Vigo. “Non se trata de impoñer a nosa cultura, senón de coñecer a deles para fomentar a integración”, salientou.

Iolanda Veloso indicou que nas xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas” participarán persoas de distintas linguas inicias, polo que ao seu xuízo é preciso “utilizar a lingua dun xeito integrador”. Destacou que é preciso coñecer a realidade lingüística do noso país “porque a integración ten que partir da sociedade de acollida”. Segundo a edil do BNG, esta iniciativa “pretende poñer enriba da mesa unha realidade que existe, pero non como problema, senón para artellar camiños para a integración”.

Respecto á xornada do día 2 de febreiro, a concelleira de Normalización Lingüística, indicou que estará adicada ao coñecemento da realidade lingüística de Vigo e Galiza e dun modelo integrador como é o de Burela. Participarán o profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas e o coordinador do modelo de planificación lingüística de Burela. Bernardo Penabade. O 9 de febreiro centrarase na posta en común da realidade dos organismos e persoas que traballan no eido da inmigración e participarán docentes do CEIP A Dobrada, o presidente da asociación Galicia Acolle Antonio Cepeda, e a coordinadora técnica do Plan Comunitario de Teis, Genoveva Cordeiro.

O 23 de febreiro adicarase á experiencia das persoas inmigrantes en Galiza, polo que participarán a mediadora intercultural na oficina de inmigración, Marcela Dambrosia, a vicepresidenta da asociación Abriga, Marlene Ventín, o membro de Aida, Pepin Tshisamb Diur Kaj, e o receptor directo do modelo Burela, Long Long You Zu. Finamente, o 2 de marzo poñeranse enriba da mesa os distintos vieiros de actuación para acadar a integración, de xeito que a mesa redonda contará coa representante das asociacións de inmigrantes no Consello Social da Lingua do Concello de Vigo, Susana Forero, o técnico de Inmigración da CIG en Vigo Anxo Igrexas, a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras e responsables do programa de integración de inmigrantes do Concello de Vilaboa.

As concelleiras nacionalistas salientaron a boa acollida que están a ter os cursos de formador de formadores que organiza o Concello de Vigo para formar persoas que poidan dar clase de galego aos inmigrantes. Ao respecto sinalaron que no mes de xaneiro 23 persoas participaron no curso e en febreiro a nova convocatoria comezará o día 3. María Méndez destacou que estes cursos “dan resposta ás propias demandas e necesidades das asociacións de inmigrantes”, xa que Vigo conta cun total de 18.000 inmigrantes empadroados, cifra que supón un 6% da poboación total.

Pola súa banda, Iolanda Veloso salientou que son moitos os inmigrantes que se achegan aos servizos de Normalización Lingüística solicitando informacións sobre cursos de galego. “Teñen aos seus fillos escolarizados en galego e o perciben como unha riqueza que lles pode axudar a integrarse e para ter mellores oportunidades”, indicou a responsable de Normalización do Concello de Vigo.

Post Bottom Ad

Responsive Ads Here