Plan de Formación de Dependencia : comienzan ya pronto los cursos gratuitos - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

26/1/10

Plan de Formación de Dependencia : comienzan ya pronto los cursos gratuitos

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal ven de por en marcha un curso dirixido a asistentes persoais, que a Xunta imparte por primeira vez na comunidade autónoma. A iniciativa forma parte do Plan de Formación de Dependencia que está a levar a cabo o Goberno galego de maneira pioneira.


As clases, que son de balde, desenvolveranse en 14 localidades de Galicia ao longo dos catro primeiros meses do ano. A primeira das accións formativas ten lugar esta semana no Ferrol, na sala de xuntas do edificio administrativo da Xunta, emprazado na Praza de España.

A principal finalidade destas accións é a de conseguir que o persoal que vaia traballar como asistente persoal adquira as capacidades e habilidades necesarias para ofrecer unha atención de calidade ás persoas dependentes.

Os cursos contarán como máximo cun total de 15 alumnos e cada uno deles terá unha duración de 16 horas lectivas distribuídas en sesións de catro horas pola mañá, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

As persoas interesadas en asistir ás clases deberán cubrir unha solicitude de inscrición que se pode atopar nas páxinas web http://benestar.xunta.es/discapacidade/formación e http://benestar.xunta.es/dependencia/formación. Unha vez cuberto o documento, deberá enviarse aos rexistros oficiais, ao número de fax 981 545 691 ou ao enderezo que aparece na propia solicitude de inscrición coa documentación que acredite a formación ou experiencia da persoa interesada en facer o curso.

O prazo de presentación finalizará 15 días antes do inicio da acción formativa. A relación do alumnado admitido será publicada nas páxinas web anteriormente mencionadas, 7 días antes do comezo do curso.

As solicitudes priorizaranse en base a tres criterios: persoas que xa traballen como asistentes persoais e non dispoñan de formación especializada nesta materia; persoas con formación académica relacionada coas funcións propias da asistencia persoal; e persoas que teñan experiencia na atención doutras en situación de dependencia.

Os cursos desenvolveranse no mes de febreiro nas localidades de Santiago (do 1 ao 4), Ribeira (do 8 ao 11), Pontevedra (do 15 ao 18) e Vigo (do 22 ao 25). No mes de marzo terán lugar en A Coruña (do 1 ao 4), Vilagarcía (1 ao 4), Lalín (8 ao 11), Lugo (15 ao 18), Burela (22 ao 25) e Monforte (26 ao 31). Por último, as clases impartiranse en abril en Ourense (do 5 ao 8), no Barco (12 ao 15) e Verín (do 19 ao 22).
Os profesores forman parte dun equipo multidisciplinar de profesionais que acumulan unha ampla experiencia en diversos ámbitos como a atención á dependencia, a xestión laboral ou os primeiros auxilios.

O Plan de Formación de Dependencia
O Goberno galego está a investir máis de 300.000 euros no Plan de Formación de Dependencia, que abarca tres tipos de accións formativas diferentes. Así, ademais dos cursos dirixidos a asistentes persoais que comezaron hoxe, o proxecto inclúe accións dirixidas a directores de centros xerontolóxicos e persoas con discapacidade. Esta iniciativa tamén e nova e xa está en marcha.

Así, está pendente de iniciarse a finais de febreiro a terceira das accións formativas, cursos dirixidos a coidadores non profesionais. Na actualidade, a Consellería de Traballo e Benestar está a formar a 32 persoas, que serán os encargados de impartir as clases.

Post Bottom Ad

Responsive Ads Here