Lista provisional de adxudicatarios de 343 vivendas de promoción pública que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a construír en San Paio de Navia, en Vigo - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

27/1/10

Lista provisional de adxudicatarios de 343 vivendas de promoción pública que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a construír en San Paio de Navia, en Vigo

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Comisión Provincial de Vivenda aprobou hoxe a lista provisional de adxudicatarios de 343 vivendas de promoción pública que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a construír en San Paio de Navia, en Vigo. Na reunión desta mañá, a Comisión tamén aprobou a lista provisional para 15 vivendas vacantes en diversas zonas da cidade e o inicio do procedemento para a adxudicación de 47 vivendas de promoción pública construídas en As Roteas.


San Paio de Navia
En San Paio de Navia aprobouse a lista provisional de adxudicatarios de 343 vivendas. Cómpre indicar que no sorteo entraron un total de 343 vivendas, xa que das 384 que se atopan en construción deben detraerse 41 para realoxos de unidades familiares anteriormente residentes na zona e que foron afectadas polo desenvolvemento do plan parcial de San Paio de Navia e en réxime de cesión ao Concello de Vigo, en aplicación da normativa vixente.

Agora, ábrese un prazo dun mes para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes que poidan considerarse prexudicados. Pasado este prazo, e unha vez resoltas as reclamacións, a Comisión Provincial de Vivenda deberá aprobar a lista definitiva.

A meirande parte das vivendas adxudicadas provisionalmente dispoñen de tres dormitorios e superficies útiles entre 79 e 81 metros cadrados. Cumpren estas condicións un total de 159 vivendas, ás que se suman outras 12 que, contando cos mesmos tres dormitorios, a súa superficie útil está entre 87 e 88 metros cadrados, xa que se trata de vivendas adaptadas e reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Con dous dormitorios (superficie entre 62 e 65 metros cadrados) hai un total de 91 vivendas e con catro dormitorios (entre 88 e 90 metros cadrados de superficie útil) un total de 81 vivendas.

Vivendas vacantes
Doutra banda, a Comisión Provincial de Vivenda aprobou a lista provisional de adxudicatarios de 15 vivendas vacantes ou recuperadas polo IGVS en distintas zonas da cidade de Vigo.

Como no caso de Navia, ábrese un prazo de un mes para a presentación de reclamacións. Posteriormente a Comisión publicará a lista definitiva.

As Roteas
Polo que respecta a As Roteas, a Comisión determinou iniciar o procedemento para a adxudicación das 47 vivendas que se atopan en construción. O próximo paso será a fixación dunha data para a realización do sorteo, no que entrarán tódolos inscritos no Rexistro de Demandantes á data de hoxe.

Das 47 vivendas que se están a construír nas Roteas, 23 dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil de 80 metros cadrados. Outras 17 teñen dous dormitorios e 65 metros cadrados de superficie útil e seis teñen catro dormitorios e 90 metros cadrados útiles. Finalmente, hai unha vivenda de dous dormitorios, adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, polo que a súa superficie é de 90 metros cadrados aproximadamente. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, unha praza de garaxe e un trasteiro.

As vivendas distribúense en tres edificios que comprenden seis portais de tipo aberto, agrupados lineal e paralelamente. As vivendas contarán con carpintería exterior de PVC con dobre acristalamento, pavimentos de tarima flotante de carballo nos dormitorios e estar-comedor e plaqueta de gres nas cociñas e baños.

Post Bottom Ad

Responsive Ads Here