La Xunta promueve el uso de la bicicleta en Lalín - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

26/1/10

La Xunta promueve el uso de la bicicleta en Lalín

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, destinará a través do programa Bicidadáns, de fomento do uso da bicicleta, unha partida orzamentaria máxima de 140.000 euros en 2010 para incentivar a utilización deste medio de transporte no Concello de Lalín, acción que se enmarca na súa política de incentivar a eficiencia no sector do transporte, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía en Galicia. Así se recolle no convenio de colaboración que Eliseo Diéguez, director do Inega, e José Crespo, alcalde de Lalín, asinaron hoxe no municipio lalinense.


O acordo de cooperación materializarase mediante a posta en marcha no Concello de Lalín dun servizo de préstamo de bicicletas de uso público para uso de veciños e visitantes, que deberá estar funcionando antes do 15 de setembro de 2010. Segundo se recolle no convenio asinado entre o Inega e o Concello de Lalín, o municipio realizará un estudo previo ou plan director onde se analizará o fomento do uso da bicicleta en xeral, e os sistemas de préstamo de bicicletas en particular, antes da entrada en funcionamento do servizo.

Así mesmo o Concello instalará un mínimo de tres bases para aparcar bicicletas, que terán que dispoñer dun sistema de xestión automático, que funcione preferentemente mediante a utilización de tarxetas electrónicas. Ademais as bases irán preferiblemente dotadas de marquesiñas para o resgardo da intemperie e dotadas con medidas de seguridade antivandalismo.

O Concello de Lalín mercará tamén un mínimo de 50 bicicletas -que poderán ser eléctricas de forma total ou parcial-, e que terán que ter un sistema de amarre compatible coas bases portabicicletas instaladas. Cada bicicleta, dotada dun sistema de identificación visible, perdurable e resistente, deberá ter unha cesta portaequipaxes ou sistema alternativo que permita o transporte de obxectos.

O sistema de xestión do programa estará deseñado de xeito que estea á disposición do público un mínimo de 4.000 horas anuais e deberá estar activo por un período mínimo de 3 anos a partir da súa posta en marcha, é outra das responsabilidades do Concello de Lalín, que tamén terá que velar polo correcto mantemento das bicicletas, para que sempre estean en funcionamento un número superior a 40. Así mesmo o Concello remitirá ao Inega un informe trimestral durante o primeiro ano de servizo do sistema e promocionará e publicitará axeitadamente o sistema.

Pola súa parte o Inega ademais de financiar a posta en marcha do programa tamén prestará asesoramento técnico ao Concello para o desenvolvemento desta iniciativa. A partida orzamentaria que recibirá o Concello de Lalín fixarase en función do número de bicicletas convencionais, do número de bases expendedoras e do número de bicis eléctricas que estean en servizo.

Cultura a favor da bicicleta
O devandito acordo insírese no marco de colaboración que o Inega ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía) e ten como obxectivo último ir estendendo entre a cidadanía a cultura a favor deste vehículo de transporte de dúas rodas e promover a eficiencia no transporte público, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía; aliviar o exceso de conxestión e reducir o problema medioambiental derivado dos usos dos combustibles fósiles do transporte.

Actualmente este sistema de préstamo de bicicletas, impulsado e financiado polo Inega, xa funciona en 9 concellos (Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Redondela e Culleredo), o que supón que máis de 700.000 galegos xa se poden beneficiar deste servizo público, que conta con 15.000 usuarios dados de alta.

Para este ano 2010, desde o Inega impulsarase a promoción do transporte en bicicleta, para que ao longo dos vindeiros meses se poñerá en marcha este sistema noutros sete concellos, ademais do de Lalín: O Barco-A Rúa -que concorren á axuda de xeito conxunto-; Porto do Son-Noia-Lousame -un único acordo para os tres- e A Coruña e Ourense. En todos os casos, agás no dos dous últimos concellos nos que se ampliará a iniciativa, trátase de municipios que, por primeira vez, se incorporarán ao programa.

Vantaxes
A utilización da bicicleta nos entornos urbanos e interurbanos presenta significativas vantaxes de cara ao benestar da poboación, entre elas o aforro enerxético e económico. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización (máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta); o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras potencialidades engadidas que presenta.

Post Bottom Ad

Responsive Ads Here