Conselleiro Guerra proclama bondades de las Cámaras de Comercio - morrazo tribuna

Random posts

test banner

Post Top Ad

Responsive Ads Here

27/1/10

Conselleiro Guerra proclama bondades de las Cámaras de Comercio

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, considerou hoxe que as Cámaras de Comercio son as “necesarias aliadas” do Goberno Galego para emprender o camiño da recuperación económica e atopar as solucións “urxentes” que permitan reactivar a nosa economía. Así o manifestou este mediodía, logo de manter unha reunión co Pleno da Cámara de Comercio da Coruña.


Segundo remarcou, a Consellería de Economía e Industria “ten un obxectivo prioritario, claro e urxente” que é a “reactivación” da economía galega; unha meta que, agregou, “comparte todo o Executivo galego”, para “defender os intereses xerais do comercio, a industria e os servizos que prestan as empresas galegas co fin de mellorar o tecido produtivo”.

Nesta tarefa, Guerra considerou que as Cámaras de Comercio son as “necesarias aliadas” para a recuperación económica da nosa comunidade. Por iso, destacou a vontade da Xunta de “reforzalas” e de “fomentar” o labor do Consello Galego de Cámaras como órgano de coordinación das nove entidades que o conforman.



Un Igape áxil, eficaz e eficiente como principal ferramenta de axuda aos emprendedores
No seu discurso, o conselleiro salientou que, dado a actual conxuntura económica, o Executivo galego aumentou o peso da Consellería de Economía e Industria incrementando a súa dotación orzamentaria nun 2,13% con respecto ao 2009, e precisou que a Xunta ten reforzado a estrutura deste departamento co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Un organismo, proseguiu, que se ten convertido, “na principal ferramenta” da Administración galega para axudar aos emprendedores a salvar as súas dificultades de acceso ao financiamento, indispensable para afrontar os gastos das empresas e proxectar os seus novos investimentos.

Esta resposta “real” aos verdadeiros problemas dos emprendedores articúlase desde a nova perspectiva dun Igape “áxil, eficaz e eficiente”, que responde en menos de 45 días ás peticións de axuda que chegan ás súas oficinas, para amosar a súa capacidade de readaptación ás novas necesidades empresariais, eliminando obstáculos na tramitación das axudas e simplificando os procesos administrativos, incidiu Guerra.

O compromiso do Plan re-Forza
Trátase dun compromiso que, nas súas palabras, “trascende á oratoria” e se materializa no Plan re-Forza 2010, que presenta un Igape “máis solvente e eficaz” que conta cun orzamento que se ten incrementado nun 12,9%. Sobre este plan, Guerra explicou que se centra, especialmente, na realización de plans estratéxicos de mellora empresarial, cun aumento do 11,7% dos recursos dedicados a programas de investimento e competitividade empresarial.

Así, concretou que o Plan de Avales, activado pola consellería que dirixe e o Igape, é “o máis potente” dos que teñen posto en marcha outros gobernos autonómicos. Detallou que esta iniciativa inclúe as liñas re-Brote e re-Solve, que mobilizarán 400 millóns de euros en operacións de crédito a empresas e pemes. Neste punto, avanzou que, segundo os datos do último trimestre de 2009, foron autorizadas xa 830 solicitudes para mobilizar préstamos para circulante por un importe de 94 millóns de euros.

A este respecto, puxo en valor a función que desempeña o Servizo de Apoio ao Autónomo, posto en marcha pola consellería a través do BIC Galicia e que, en tan só catro meses de andadura, xa ten recibido 6.000 visitas no seu portal web www.autonomosgalicia.org e unha aceptación “sobresaínte” por parte das asociacións de autónomos galegas.

O conselleiro referiuse, tamén, ao programa Innoempresa, do que no ano 2009 se beneficiaron un total de 1.066 empresas, con 11,63 millóns de euros dirixidos ao apoio de 264 proxectos. Así mesmo, asegurou que a liña re-imaXina, que habilita préstamos avalados e subsidiados por un importe de ata 15 millóns de euros para pemes e microempresas, está a ter moi boa acollida, con 488 solicitudes para mobilizar préstamos para investimentos por máis de 11 millóns de euros.
Prioridade: a internacionalización das empresas galegas
Guerra fixo fincapé no “sobreesfozo orzamentario” levado a cabo polo Goberno galego para impulsar iniciativas encamiñadas a saír da crise; e, neste punto, destacou que a Consellería de Economía e Industria incrementou nun 56,52% os recursos destinados a apoiar a internacionalización das empresas galegas. Esta cifra, segundo explicou, pretende suplir o descenso do 18% dos investimentos estatais nesta materia.

“A Xunta entende que, agora máis que nunca, é prioritario fomentar a apertura comercial cara ao exterior como unha fórmula para atraer riqueza a Galicia nun mercado global”, sinalou, e engadiu que incentivar a internacionalización é “un firme compromiso” da Consellería de Economía e Industria, que se traduce no apoio a diferentes proxectos como o Plan de Fomento de Exportacións Galegas (Foexga).

Lembrou, así, que a Xunta investiu 1,7 millóns de euros –máis dun 15% que en 2008-, para reactivar o Plan Foexga, cuns recursos que se investirán en máis de 100 accións concretas destinadas a incentivar as relacións comerciais con outros países como EE.UU, Alemaña, China, Brasil, Rusia, países hispanoamericanos tradicionalmente vinculados con Galicia e novos mercados como Emiratos Árabes, Romanía ou Lituania. Todo iso, recollido no Plan re-Forza e acompañado dunha liña de comunicación e marketing.

No tocante á I+D, o conselleiro apuntou que se ten incrementado o investimento nesta materia nun 0,3%, que se está a traballar “intensamente” para elaborar un novo marco administrativo orientado a incentivar a innovación e que no 2009 investíronse máis de 31 millóns en investigación nas empresas. Así mesmo, sinalou que desde a Dirección Xeral de I+D+i se está a poñer en marcha a Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), un programa piloto financiado con 5 millóns de euros para formar especialistas en innovación e costear o seu soldo durante os tres primeiros anos que traballen nas 50 pemes galegas seleccionadas no programa.


Post Bottom Ad

Responsive Ads Here